1/2/18

Curas-Armadores en Bueu

Nos pobos mariñeiros como Bueu ao longo da súa historia, sobre todo a partires do esmorecemento da fidalguía local no s. XVIII, o status social viña ligado á relación co mundo do mar. É aquí que co cambio sufridos pola pesca non so nas artes, embarcacións, procesos de conservación senón tamén nas  relacións laborais, comercialización, etc. que levou a unha transformación social de cambio radical sobre todo no control dos elementos produtivos, control económico e político.
A parte do fomentadores, conserveiros, ... un elemento de ese motor económico-social era a figura do patrón (das embarcacións de pesca) e por enriba deste o armador (moitas veces patrón-armador).
Ser armador era ser dono dos elementos esenciais da pesca: redes e embarcacións. Polo que case todos os que tiñan salgas (Rosa Mª Avalle, os Galup, os Solabarrieta, etc.) ou fábricas de conserva (Massó, Tapias, Prieto, etc.) tamén posuían embarcacións menores para a pesca e, para beneficiarse da comercialización, embarcacións de máis alto porte coma galeóns, bergantíns, goletas, etc. (familia Plá-Avalle, Familia Galup, Massó, etc.)
  O menos frecuente nestes últimos séculos era que persoas alleas ao mar se implicasen neste como elementos de dominio e donos dos medios produtivos. E moito máis raro era que o fixeran curas párrocos, persoas que socialmente considéranse alleas ‘ás ataduras terreais’[1] e que están ao cargo dunha comunidade de crentes ou parroquia.
Pois ben, se isto último é excepcional noutros lugares da nosa costa, en Bueu deuse non una, nin dúas ou tres, senón, polo menos que eu saiba, ata catro veces ao longo dos últimos séculos.
Para non alongarnos vou citalos brevemente:
1º Tal como recolle Marinelli, Moreira e Rodal na súa «Historia de Cangas»: “O reparto  dunha sacada[2] no que o socio capitalista era o abade de Bueu en 1633 era así: a captura divídese en 14 quiñóns, e recibe o abade polo barco 2 quiñóns, 1/2 pola dorna que auxiliaba nas faenas da pesca, 6 quiñóns máis polos aparellos, redes, cordas etc., En concepto de décimo dan á Igrexa 1,25 quiñón...”[3]
2º Na época que o párroco de Bueu, Fernando de la Rúa, percibe como foro certas cantidades de saín, polas súas casas do Berbés de Vigo[4] o abade de Beluso, Benito de Mondragón, merca a metade dun barco en 1686, no que Muros aparece como porto base[5].
3º No ano 1878 con motivo dun acto de conciliación pola venda da goleta-bergantín “Joven Casimiro” que fora da familia Galup  e outros propietarios aparece entre estes la figura de Benito Díaz, párroco de Beluso (era socio da viúva de Jerónimo Galup).
4º D. Andrés Vázquez Caneda cura de Beluso, de 1963 ata a súa xubilación en 1993. Era armador en asociación con unha coñecida familia de Beluso nun barco construído en 1974 de nome «Monte Fariño»[6].
Quixera rematar esta anomalía estatística de curas-armadores nun mesmo concello co dato de que outro cura de Bueu, o coadxutor Antonio Lojo, que era fillo dun patrón-armador do Porto do Son, José Lojo, que faleceu, con tres mariñeiros e un neno, no naufraxio que se produciu a causa dun temporal o 17 de abril de 1930. 

[1] Sen ter en conta, entre outros, os décimos que houbo en tempos no mundo do mar.
[2] “Sacadas” … é unha das modalidades máis coñecidas do “cerco”. As “Sacadas” pequenas eran a “rapeta” e a “traiña”
[3] Vázquez Marinelli, C., Moreira Pumar, J., Rodal González, M.: «Historia de Cangas», Pontevedra, 2007, p.172
[4] Escribán Matías Avalle y Castro, AHP, Sección Protocolos Ca-1649 bis. Ano 1682, f. 12 e ss
[5] Escribán Bernardo de Barros, AHP, Sección Protocolos Ca-3247 (2). Ano 1688, f. 56
[6] Arrastreiro de 37 m e una manga de 8 m. Cun tonelaxe bruto de 248 t.

No hay comentarios: