14/1/18

«Os Xirivaos» de Álvaro Cunqueiro e Bueu

«Revista Destino. Ano 1942, nº. 254 (30 maio 1942) Páx. 7»
Historia da familia dos Xirivaos que de labregos fixéronse mariñeiros o que fixo que caeran en desgraza... Historias de naufraxios, premonicións, espíritos...
Bueu entra coma lugar onde aparece e onde é enterrado un dos Xirivaos….  O pazo do Casal, nese tempo taberna de Miguel Costas Acuña[1], a praia de Lapamán,...
Vale a pena escoitar estas historias de raíces mariñeiras, da man de Cunqueiro:
“Perdeuse no Gran Sol. As cadernas do ceo tremían, azoutadas por un Norés cego e frío. A néboa enchía ata os bordos o pozo do mar. O «Sisán» rodou na tempestade, como bébedo. Desapareceu sen deixar rastro. O Viluco deixaba sete fillos, o Carba, seis... Os xornais de Vigo publicaron as consabidas fotografías de mulleres enloitadas, nenos con grandes ollos pasmados. Retrataron a nai do grumete, Pedriño, o Xirivao. Eu coñecía a Pedriño. Era moi medrado, claro dos ollos, tostado na rillotería da ribeira. Era moi alegre rapaz. Ao seu pai, o Xirivao, levoullo o mar, facendo unha costeira do bonito. A nai quixo apartar ao neno da vida mariñeira, buscándolle un oficio en terra, nas fábricas, en calquera parte? Atopeino lavando vasos na taberna de Redondelo.
-¿Sabe? -díxome-. Embárcome no «Sisán». Vai ao mar do Sol.
A nai liárase cun mecánico e desentendíase do fillo.
-O Viluco non quería levarme, pero o Sendón di que haberá mala mar mentres estea un Xirivao en terra. Si me dera aquilo!...
Eu lle prometera a Pedriño unha vella cazadora de coiro para a súa primeira viaxe. Dinlla. Embarcouse con ela e con ela morrería. Eu levábaa posta aquela tarde chuviosa, con Luisa… Pobre Pedriño! O Cazás, apestando a augardente, colleume do brazo na taberna do Redondelo, achegou a súa boca desdentada ao meu oído e murmurou algo.
-Que?
-Viron o «Sisán». Din que tiñan unha promesa en San Andrés e veñen a ela.
O Cazás estaba bastante bébedo, pero el non soñara nin inventara a aparición do «Sisán».
- Víronos uns de Bouzas, cerca da Estaca.
-Mirarían ao Pedriño coa cazadora? -preguntei sorrindo.
-E mirarían! – respondeu, grave, o Cazás.
Correuse a historia por Cangas. Pepa, a do Viluco, foi a Pontevedra a consultalo coas cartas. Saíu  que si. Unha filla do Carba viu en sonos ao seu pai, coa cara destrozada e os ollos abertos, abertos, …
Esqueceuse a historia, como se esquecen todas as historias dos navíos perdidos e dos mariñeiros afogados. Pasaron varios anos. Eu ía a pe de Bueu a Cangas e parei no casal de Acuña a beber un pouco. Estaba alí o Cazás, que levaba o mesmo camiño ca min.
-Acórdase do «Sisán»? -preguntoume.
-Acordo.
-Volvérono a mirar. O miran dúas ou tres veces ao ano. Mirárono preto de Ons.
-E Pedriño tiña a cazadora posta?
-Tiña! Encargueille ao Xemil que mirara ben se o cruzaban. E viu. Pedriño estaba coa cazadora, sentado a popa. Miraron ao Viluco e a Manuel de Goás e ao Mañá. O Xemil é arriscado e quixo abordalo, pero desapareceu de repente «a pantasma» … O Cazás meditaba algo. O Cazás tiña entre peito e as costas unha historia.
-Quen faría o feitizo? -dixo-. Non se saberá nunca, pero eu creo que foi o pai de Pedriño, o Xirivao, o que se afogou na costeira do ano vinte. R o Cazás contou a historia do Xirivao. Mellor dito dos dous Xirivaos.
Os Xirivaos eran de terra dentro, de Pazos de Borbén, que é país de montañas. En Cangas traballaban as terras de millo e os viñedos. Eran labregos, que non mariñeiros, e o vello Xirivao, o avó de Pedriño non gustaba do mar. Colleitas son as da terra, o pan e o viño, e daba todo o mar, todos os peixes e fantasías do mar, por un cacho de boroa dourada, recendendo á cochura, e unha cunca daquel branco alegre e pícaro do Morrazo… O Xirivao era un labrego; non paseaba polo peirao nin acudía a ver a chegada das barcas. O Xirvao gozaba contemplando as terras, as árbores, os cumes que asoman sobre Vigo, terra dentro. Cando o fillo, Manuel, negouse a traballar na terra e quixo saír ao mar, o vello Xirivao pegoulle e o deixou por morto no curral. Pero Manuel escapou e andou de barca en barca e de «bou» en «bou» e un día aprobou para patrón de pesca. O Xirivao vello marchouse de Cangas e non se volveu a saber del. Dicían que maldixese ao fillo e ao mar, que profetizara mil calamidades aos Xirivaos que saíran ao mar.
-Nin afogados teredes paz! -maldixo.
Manuel Xirivao era patrón de pesca del «Lourditas». Casouse con A Raíña, que era mociña moi pulida, medio modista. O Xirivao pasaba os traballos do mar, pero consolábase coa Raíña, que era unha muller melosa, moi coqueta e moi apañada. Andaba moi linda e tiña a casa como un espello. O Xirivao pensaba que con el navegaba a sorte. Pero na costeira do ano vinte quebrou a racha e o «Lourditas» perdeuse fronte a Leixoes. Salvouse o Piquín.
-Ao Xirivao agarrouno un golpe de mar e levouno polo aire. Aínds o miramos uns minutos, a babor. Non podiamos facer nada. Corríamos sen goberno. O cadáver del Xirivao apareceu na praia de Gudiá.
O Piquín vira o cadáver; recoñeceuno. Era Manuel O Xirivao, comido polo mar, inchado e podre, pero O Xirivao, patrón de pesca do «Lourditas». Enterrárono …
Un mes despois, cerca de Bueu, na praia de Lapamán, apareceu un cadáver. Tería como cinco días de mar. Identificárono: era Manuel O Xirivao. Imposible! Pero non había dúbida: era Manuel O Xirivao, o afogado de Leixoes. Enterrárono en Bueu.
O Piquín non quixo crelo. O Piquín estivo en Gudiá o día do enterro do Xirivao e tamén estivo en Bueu. Era o mesmo cadáver, coa mesma roupa esnaquizada, a mesma inchazón, a mesma podremia … O Piquín enfermou e vía ao Xirivao en todas partes.
-Un día heino de mirar afogado de verdade, dicía.
Unha mañá atoparon a Piquín no cemiterio de Bueu. Volvérase louco. Morreu entre horribles medos, gritando, rexeitando coas mans ao Xirivao, ao patrón do «Lourditas», que non estaba afogado, que estaba sentado na cama do Piquín remendando unha rede, unha rede branca, que cheiraba a carne podrecida.
A muller do Xirivao, A Raíña, deu a luz. Pedriño era neno medrado, vivaz, rillote. O levaron a San Benito o Negro, para que os aires do pai non lle acollesen. Creceu xogando na praia. A Raíña dérase un pouco á bebida e pegaba ao rapaz. Non quería que fose mariñeiro. Pedrín andou de criado polas aldeas. A Raíña tiña corenta anos, pero aínda conservaba aquel garabeo, aquel donaire, aquela polidura. O mecánico, Xusto, roldábaa e terminaron por enrolarse xuntos. A Raíña despreocupouse do fillo, que veu de mozo á taberna do Redondelo. Pedriño tiña a fantasía do mar. Contaba a historia de seu padre.
-Como quería o mar a meu padre, que o tróuxoo ata Bueu.
O Viluco non quería embarcar ao rapaz. Pero Sendón impúxose. O Sendón aseguraba que o Piquín había sido toda a súa vida un quisicosa, que nin o mar o quixo, e que o Xirivao era un fachendoso, un mariñeiro, un temón, un aparello, un borracho. O Sendón embarcou a Pedriño no «Sisán».
-Pórtate ben -lle dixo-, que o mar é moi agradecido.
-Esto do «Sisán» -comentou o Cazás, é cousa dos Xirivaos. Non está ben mudar de casta. O labrego para a terra e os mariñeiros para o mar. O contrario é como casarse con estranxeira ou muller que non sexa da mesma clase dun. Entón veñen os amores desesperados…
O Cazás tiña razón. Eu pretendía comprender isto ben. Oía a Pedriño: «Cómo quería o mar a meu pai!» Se, tiña razón o Sendón, o mar é moi agradecido. A terra non é así, devora cadáveres. A riqueza do mar é maior: devora homes vivos; é cega e apaixonada, ten sangue nas veas e pódete acariciar coa man, mentres roda a ola polas areas e a espuma murmura, murmura como unha nana… E lévate a ela, ao seu peito, ao seu ventre, aos seus beizos, ás súas colleitas, cando es mozo aínda e tes a boca fresca, os ollos alegres, o corazón latendo. Os Xirivaos deixáronse coller polo ancho mar. Viñeran da montaña, pero aquí, na ribeira, fixéronselles os ollos claros… Calquera día, un mariñeiro de Ons ou de Estribela cruzarase co «Sisán», que levará na ponte de mando a Pedriño e a Manuel O Xirivao botando a rede con O Sendón, con O Mañá, con O Xemil, con O Villuco, con Maumau, con Manuel de Goás, con Pedro de Forxán,…, con todos os que deixaron o millo e o viñedo polo Gran Sol e a fantasía do mar… O mar é moi agradecido”.
Álvaro Cunqueiro


[1] Mercado á familia Aldao o 18-1-1914.

No hay comentarios: