16/12/17

'Ana', a primeira borrasca con nome propio, pasou por Bueu

Á noitiña do día 10 deste mes de decembro, en plena actuación da borrasca Ana con rachas de vento moi forte e choiva arreo tróuxome á memoria distintas imaxes[1] nas que as augas inundaban rúas e casas de Bueu, sobre todo da Banda do Río. Asolagamentos onde a desgraza dos afectados as veces tense mesturado co humor, como no caso de Berto Barreiro en piragua polo cruce de Alexandre
Bóveda con Pazos Fontenla.
Ía eu cara a Praza Massó con esa teima e, ao pasar por onde o río Bispo atravesa P. Fontenla, decátome da presencia do alcalde e dous policías municipais[2] que estaban no lavadoiro de Amieiras[3] enfaenados a inspeccionar o canle do Bispo para así evitar que puidera provocar anegamentos[4].  
   Logo dunhas breves palabras con eles nas que aproveitei para preguntar se houbera moitas ou poucas incidencias e así saciar de paso a curiosidade[5] marchei, ‘mollado coma un pito’, lembrándome dunha carta que polo ano 1923 os veciños de Bueu escribiran ao Presidente de Obras do Porto de Pontevedra para solicitarlle a realización de obras que evitara os danos que as reiteradas inundacións lle provocaban.
Eran tempos en que o alcalde era Miguel Nogueira Fraguas ao que lle deron unha copia da mesma e que poño aquí transcrita para vos a coñezades tamén:
Ilmo. Sr. Presidente da Xunta Administrativa de Obras do Porto.  Pontevedra -
Os que subscriben, veciños do Concº de Bueu, propietarios uns, e outros pescadores; maiores de idade, a Vd. Atenta  respectuosamente, expoñen:
Que por consecuencia de canalizarse as augas do arroio que existe na praia desta vila e punto denominado Banda do Río, por medio dun tubo que as dirixe ao mar, sucede nalgunha frecuencia, especialmente cando teñen lugar as mareas equinocciais, obstrúese aquel reténdose as augas, que ascenden de tal maneira do seu nivel ordinario que chega a formarse un lago que non soamente inutiliza por completo os predios superiores e contiguos a arroio, senón que tamén inunda as casas, ata o extremo de ter que saír seus donos en embarcacións, como así sucedeu no día oito do actual[6].
Que o exposto é un feito verídico pode ser comprobado polo persoal facultativo que teña a ben designar; e co fin de evitar continúen sucedéndose tanto dano como orixinou, non soamente nesta ocasión si que igualmente en anos anteriores, a S. I- Suplican sírvase dispor o conveniente ao obxecto de realizar as obras de ampliación ou reforma que sexan necesarias, no cal administrarei un acto de recoñecida xustiza e necesidade que ordene por elo esta veciñanza manifesta  súplicas
Bueu 10 de febreiro de 1923
Siguen 12 sinaturas
 




[1] Como as das fotografías.
[2] Para mais señas, veciños nosos…
[3] Noutros documentos Amiriras. Para todos, o que está preto do Colexio das Monxas.
[4] Dias antes vira na Praia maquinaria limpando a desembocadura do río.
[5] Caída de árbores, de chapas, etc. pero nada de gravidade.
[6] Referido ao xoves, 8 de febreiro de 1923 que houbo un grande temporal na costa atlántica da península con bastantes mortos no mar, sobre todo en Portugal e como podedes ler na nota de prensa, tamén morreu en Area de Bon unha muller cando recollía algas para abono (Galicia, 10-02-1993p2).

No hay comentarios: