9/11/17

Festa de San Martiño

A historia da celebración da Festa de San Martiño en Bueu, pese a que era un dos eventos máis importantes da vila[1] ao longo do ano, non sempre foi doado celebralo con toda clase de facilidades. Houbo momentos en que a sona da festa transcendía aos medios de comunicación con grande aporte gráfico e de artigos. Proba disto poden lerse no que publiquei na revista O Candil nº 3, 7 e 11 en novembro dos anos 1994, 1995 e 1996 no que recollía a contribución na promoción das Festas de San Martiño.
Seguindo nesa liña, e aproveitando que tamén este ano houbo dificultades para que unha Comisión de Festas puidera facer con garantías a festa do patrón, tivo que tomar as rendas da mesma o concello de Bueu. Isto lembroume unha pequena entrevista publicada en El pueblo gallego do 10 de novembro de 1960 ao presidente da Comisión de festas dese ano Perfecto García Lemos[2] que a continuación transcribo:
Diálogo con D. Perfecto García Lemos Presidente da Comisión de Festas
-Se non fora polo entusiasmo dunha peña de amigos, non se celebrarían este ano as festas na honra de San Martiño -díxonos don Perfecto García Lemos, presidente da comisión festeira de Bueu.
- Son verdadeiramente interesantes?
-Eu creo que si. Sobre todo, pola súa tradición e porque son datas nas que todos os fillos de Bueu xúntanse pese a atoparse na distancia.
- Ocasionan moito prexuízo económico?
-Nin prexuízo nin beneficio. O comercio e a industria local encárganse de sufragar os moitos gastos que a organización destas festas ocasionan.
- Diga vostede -engadiu o Perfecto- que o verdadeiro peso da comisión de festas o levan outros señores: Antonio Cerviño e Isolino Liméns e as comisións que por barrios compuxéronse. Son os que verdadeiramente se preocupan de que teñan éxito. Porque as Festas de San Martiño son totalmente necesarias. Case sempre acoden aqueles que desde fai tempo están lonxe. Son algo así como as Navidades.
- Dos alicientes festeiros, Cal é o máis importante?
-Este año os fogos serán algo frouxos. O fútbol quizais sexa o máis destacado do programa. Espero que polo menos se iguale a categoría festeira de anos anteriores. Este ano incluso haberá un día máis de festa. Comezarán hoxe dez do actual e finalizarán o trece domingo.
Como dicía Perfecto García, o fútbol é un dos alicientes máis destacados. No mesmo xornal aparece o presidente, adestrador, directiva e xogadores dos dous equipos do Bueu o xuvenil e o de maiores.



[1] E tamén dos bueueses na emigración que adoitaban xuntarse a comer por esas datas como por exemplo facían os “Unidos de Bueu” na Arxentina: http://bit.ly/2jjDBkF  
[2] Fora rexedor municipal de 1937-1939. Hai unha entrada neste blog sobre o seu cese: http://bit.ly/2ABe7mS

No hay comentarios: