17/10/17


Curiosamente o mal tempo cebouse, en distintos momentos da historia dos últimos 150 anos, coa igrexa de Beluso e máis concretamente coas campás.
O primeiro desastre que nos chega[1] ten como data o ano 1803 no que por mor da desfeita dunha tempestade (ciclón) tense que  repoñer a vidreira da igrexa da capela maior.
Case que trinta anos despois, no 1831, volve a haber danos na igrexa. Esta vez na campá maior.
Os veciños e cura ecónomo de Beluso escriben ao arcebispado para solicitar axuda para refundir a campá estragada.
Posteriormente o Secretario da Cámara do Arcebispado de Santiago escribe ao cura párroco de Bueu pedíndolle un informe dos danos e prioridade das necesidades da parroquia veciña. Este lle resposta cunha carta na que confirma as necesidades da parroquia de Beluso:
“S. refundir unha Campá
En data 25 de maio próximo pasado informei a V. S. o que sigue =
En contestación ao oficio de V.S. data 1os do que rexe, por o que de Orde do E. el Arcebispo meu señor se me prevén, diga se é certo o que expresa o cura ecónomo e veciños de Stª Mª de Beluso de haberse roto e posto inservible a Campá Maior quedando soamente unha pequena que non se oe en toda a parroquia e que ditos veciños pola escaseza dos tempos non teñen con que costear a fundición doutra campá capaz: Debo manifestar ao V. S. que todo canto ditos veciños representan é a pura verdade e que case todo, ou a maior parte a lo menos están bastante miserables, sen ter quen lles socorra nas súas necesidades por non ter cura párroco e estar vacante aquela parroquia fai moi cerca de catro anos. Tamén é certo haber cobrado da Conta  vacante os 3.433 rrs por as cales razóns me parece ser xusta a súa pretensión; só sei de que a campá sexa do mesmo peso que a que está inservible […] É verdade que o retablo do Altar Maior áchase un pouco vello sen embargo de que me parece aínda subsiste decente por algún tempo; ademais de que a metade da herdanza do defunto cura, despois de que de toda ela se paguen os danos ao vindeiro, que deben ser poucos, deixouna para dita Fábrica, e con seu impte (importe) sempre que fora necesario, se poida reparar o referido retablo.
É Todo o que podo informar….
19 de xuño 1831
Andrés Pérez Lapido
  Pasados pouco máis de 50 anos, concretamente o 15 de decembro do ano 1886, un ciclón tira o campanario, teito e tribuna da igrexa. Racha a campá, esta vez a menor, e dous confesionarios. Dana parcialmente as paredes laterais e o arco toral (no presbiterio). A reparación ascende a 2.741 pesetas (cantidade moi elevada para a época).
E o azar volveu a asañarse coa parroquial de Beluso. Foi no 1926 cando un raio estragou a campá e parte da fachada.



[1] Da man de Carlos Vázquez Marinelli na súa “Guía didáctica da arte no Morrazo”


7/10/17


Na primeira metade do século XIX publicouse un Real Decreto pola cal os irmáns, pais ou parentes dos desertores tiñan que presentarse a cubrir a praza deixada por este ao desertar e se non o facían ao cabo de certo tempo serían arrestados.
E a raíz disto atopámonos que no ano 1839 hai unha reclamación ao Xefe Político da Deputación para que non se cumpra esta Norma na persoa dun mozo de Bueu, chamado Eusebio Cerviño, que se lle quere obrigar a pasar o servizo como soldado de terra, en recrutamento dun primo seu desertor.
A reclamación invoca unha serie de circunstancias que terían que anular dita orde:
-             Que el non vivía nin co seu primo nin co seu irmán que por certo desertou tamén!
-         Que el xa está como Matriculado da Armada e non de “Terra” como si o serían outros primos destes desertores: Que serían “moi aptos para o servizo [no Exército de Terra] e  con bens suficientes de máis de dez mil rrs para comprar un home pola súa conta (para que fixese a ‘mili’ por el) segundo manifesta a irmá de dito matriculado”

Texto da reclamación:
O Sr. Comandante Militar do Terzo Naval e Provincia de Vigo, con data 1º do actual, di a esta Deputación o sigte:
“Eusebio Cerbiño, matriculado polo Porto de Bueu, representoume, que habéndolle tocado a sorte de soldado a un primo seu que desertou, se lle obriga a pasar ao servizo no seu recrutamento; sen embargo de que eu conceptúo de que esta disposición terá sido sen dúbida ignorando a circunstancia de Matriculado que concorre no interesado e que se lle deixaría en plena liberdade logo que eu fixese presente a Vd. a equivocación padecida, crin conveniente oír no particular o parecer do Sr. Auditor de Marina desta Provª, quen con data de onte exponme o seguinte =
Sr. Comandante =  Non existe nin se me comunicou Rl. Orde algunha que preveña se obrigue aos matriculados a servir polos terrestres, e so oín que o Sr. Xefe Político e Intendte previra por medio do Boletín oficial, que os irmáns, Pais e parentes dos desertores se presentasen a cubrir a súa praza, e que non facéndoo dentro de certo tempo se lles arrestase. En tal estado, o arresto dun matriculado por un primo desertor qe vivía fora da súa compañía e un irmán tamén. Reclamado que parece que xa descrito desertou tamén, non o conceptúo xusto, pero como se invoca unha Rl Orde que non teño á vista, será moi conveniente se reclame este matriculado por Vd. do Sr. Xefe Político como Presidte da Exma. Deputación, o que se sirva transmitir copia da Rl Orde na que se fundamentou o arresto de este matriculado, pois tendo o desertor primos terrestres moi aptos para o servizo e con bens suficientes de máis de dez mil rrs para comprar un home pola súa conta segundo manifesta a irmá de dito matriculado, non parece xusto se defraude á matrícula dun individuo facéndose aínda dubidosa a Rl Orde que sirve de fundamento, que a ser certa parece non se demoraría a circulación polo ramo pa evitar reclamacións; máis Vd, sen embargo resolverá o máis xusto = e  de conformidade co seu ditame, o poño en coñecemento de Vd, esperando se servirá deixar expedita a persoa de Eusebio Cerbiño, polas razóns expresadas, tendo a ben comunicarme a súa resolución aos fins que poidan convir.”
E de acordo da Corporación o traslado a V. a fin de que informe ese Concello manifestando si o matriculado de que se fai mérito no inserto oficio é dos que se achan inscritos antes do trinta de xuño do ano próximo pasado, cuxo informe evacuará á maior brevidade.
Deus que a V. ns. as,
Ponteva 6 de Maio de 1839
O DG
Claudio González
Pet Ds
Lorenzo Besada


Sr. Presidte y Ayuntamto de Bueu