17/06/17


A supresión das Ordes relixiosas e, como consecuencia desta, as Exclaustracións dos relixiosos promulgadas, sobre todo no 1820 e 1835 foi un ataque directo ao estamento relixioso que defendía postulados absolutistas, tradicionalistas... (encarnado nos carlistas) contrarios ao pensamento liberal no poder por esas datas. Tamén foi preludio a un novo asalto ás grandes propiedades ‘improdutivas’ que os mosteiros posuían. O fixeron a través de leis de Desamortización, como a de Mendizábal[1] (1836-37), que afectaron basicamente ás propiedades pertencentes ao clero regular.
Con data 1 de xaneiro de 1839 a Dirección Xeral de Estudos do Goberno central acordou unha serie de requisitos para que os relixiosos exclaustrados e outros[2] puideran establecer escolas públicas de primeira educación, u optar ás dotadas nos pobos sen facer os exames para mestres de primeiras letras. Para iso tiñan que solicitar o título acreditativo presentando os seguintes documentos: certificado de nacemento, certificado de boa conduta, partida de bautismo e atestados do concello e do párroco do pobo de residencia, grados literarios, etc. para, á vista dos documentos resolver se poden ser eximidos ou non do exame. 
A raíz disto parece ser que un monxe exclaustrado, Lorenzo Pereira, residente en Cela eleva unha instancia coa solicitude de exención de exames acompañándoa coa documentación pertinente, ao Xefe Político e Intendente de Pontevedra, José Valladares[3]. Este solicita á súa vez ao alcalde de Bueu, Salvador Marty, que lle informe sobre a conducta política e moral do solicitante:
 Para resolver sobre unha instancia presentada neste goberno político por D. Lorenzo Pereira, relixioso exclaustrado do extinguido convento de Sn Francisco de Monforte, veciño de Sta María de Cela, acordei que ese Concello me manifeste canto lle conste ou poida indagar sobre a conducta política e moral do suplicante, a quen fará V. entender que debe xustificar por medio de certificación non estar suxeito ao servicio militar.

que a V. ms a Pontevedra 26 de Agosto de 1939
José Valladares”

 Da resolución administrativa nada sabemos. A resposta a estar ou non suxeito á obriga do servicio militar si coñecemos que tivo que ser negativa dado que nese mesmo ano Lorenzo Pereira estaba nas listas da Quintas para ser soldado e no reparto e sorteo de prazas, do 9 de febreiro de 1839, celebrado no concello ante o alcalde primeiro Manuel González, sae exento da obriga do servizo obrigatorio. 
E con respecto aos titulados como mestres no concello de Bueu dicir que non figura como tal ata o ano 1844. Polo que ata agora seguimos sen saber se lle deron ou non o titulo de mestre de primeiras letras.


[1] Juan Álvarez Mendizábal, ministro da rexente Mª Cristina de Borbón.
[2] Sacerdotes secularizados de Escolas Pías, graduados de bacharel en facultades maiores…
[3] José Valladares Como Gobernador Civil tamén neste período era Presidente da Deputación.

01/06/17



Dende novembro de 1967 a febreiro de 1968 saíu á rúa un xornal-mural titulado La Esquina. O nome veulle dado por pretender ser un “espazo ou lugar onde comentar, criticar, informar ...” .
Curiosamente comezou a estar exposto na esquina fronte á de Ferrolán, (onde hoxe está o comercio de “A de Rosita” -Rosa Diéguez-). Nese lugar xuntábanse para falar, comentar, criticar, etc., cando o tempo o permitía, os homes que frecuentaban os bares e cafeterías próximas á intersección das rúas Pazos Fontenla e Eduardo Vincenti (Ferrolán, Bar Fénix, Bar Santaclara, Fazáns, ...).


Como ao estar á intemperie coa chuvia a tinta e as acuarelas dos debuxos manchaba todo e mesmo se desfacía, deron en poñelo, coa autorización de Luís Santaclara, na sala de TV do seu Bar.
Os talleres de impresión era o local da capela de San Xosé. A ‘tirada’ era de un exemplar e a periodicidade semanal. Os primeiros tres ou catro números eran un prego de papel de tamaño DIN A1 (84,1 x 59,4 cm). Logo cada exemplar pasou de un a catro pregos.
Os primeiros exemplares ían asinados coa autorización do alcalde José Mª Massó (idea que xurdiu dos mesmo ‘redactores’ para poñelo con tranquilidade).
A información eran columnas de noticias ou de inquietudes dos mozos que o confeccionaban relacionadas coa actualidade fundamentalmente de Bueu.
Exemplo dunha desas noticias foi cando apareceu reproducido (como imaxe da noticia) o azulexo da Biblioteca Popular que aínda pode verse na porta lateral do concello. Pero a columna ‘periodística’ estaba relacionada có misterio e dúbidas do que podería haber dentro do local. Era unha sátira por anunciarse unha Biblioteca e ninguén podía acceder a ela pois non existía en realidade.
Outros temas recorrentes era sobre as películas que poñían en carteleira. Para iso aproveitaban o folleto parroquial onde se facía a cualificación moral  das películas e, as veces, se alguén vira a película facía un pequeno resumo do argumento. Tamén chegáronse a criticar as condicións das mesmas instalacións do cine como foi o caso do artigo de José Antonio García onde denunciaba, entre outras, o cheiro e as malas condicións dos asentos.
Os promotores, redactores, impresores, etc. que particiron nel foron Paco González, José Riobó (Seso), Gonzalo Calviño, José Antonio García...