19/3/17

Hoxe celebran o día das Pepas e Pepes. Isto me fai lembrar de seres queridos que xa non están: a avoa Mamá Pepa, a nai Josefa, os irmáns José Ignacio e Mª José, os tíos José, etc. Tamén dos que aínda podemos gozar coa súa presenza, sexan familiares, amigos, veciños ou persoas que coñecemos ou non. Antes de nada darlles os meus Parabéns!
A todos dedico esta entrada do blog onde citarei a dúas celebracións do día de San Xosé: 
  • A primeira será a da parroquia de Bueu no ano 1917. A información da que parto está recollida no xornal La Provincia do 25 de marzo de 1917 na páxina 6. Celebráronse o venres 18 e sábado 19 e, ao parecer, con bastante éxito. Así se resume a descrición das mesmas: Actuou a banda de exploradores que dirixía o mestre Serrano. Houbo carreira de bicicletas que gañou Remigio Rodal, de Cangas, ao que lle entregaron unha figura de arte e de segundo quedou Attilio Gaggero, residente en Bueu, que recibiu unha pitilleira de prata. A función relixiosa, procesión, lugar onde estaba a imaxe do santo, etc. era a ‘Capela Vella’ localizada no lugar da Praia preto de Pescadoira. Ás 6 da tarde do sábado 19 partiu desde aí a procesión: “Alí vimos dúas larguísimas filas de homes e mulleres, o máis distinguido deste pobo, con velas acendidas. O fermoso estandarte do rico propietario señor Nores[1]”. Os que levaban a anda coa imaxe de San Xosé[2] eran seis ‘Pepes’ que ían escoltados por seis garda civís.   Os ‘Pepes’ citados eran : Cerqueiro, Madrigal, López, Rodríguez, Lago e Prieto; todos “xoves distinguidos”. En canto á festa profana fálase de bailes tamén nas sociedades ‘Liceo Casino’ e ‘Círculo Mercantil’.
  •  A segunda refírese á unha festa “ao ar libre” que se veu de celebrar o luns, 19 de marzo de 1928, no lugar de Castrelo-Cela para a que solicitara autorización o veciño de Cela Agustín Garrido Freire.


[1] A súa muller era a dona da casa “Capela Vella”.
[2] Que fora donada por Gerónimo Galup.

8/3/17

Sentimentos encontrados preséntanse cada xornada que aparece “Día internacional de...” que as Nacións Unidas e as súas Axencias elixen para “marcar aspectos importantes da vida humana e da historia”. Enténdese que haxa que lembrar, poñer o punto de mira, etc. en aspectos fundamentais para a vida e a convivencia das persoas que viaxamos neste autobús planetario que é a Terra.  Pero faise como se os condutores foxen os Trump, as Merkel, os Rajoy,... ou como se os grandes poderes financeiros foran os donos da empresa do autobús. E ata como se as grandes multinacionais da enerxía, da informática, da tecnoloxía, etc. foran as concesionarias da peaxe por desprazarnos ou as que nos abasteceran do combustible que nos move polo espazo. E todos achantamos sen decatarnos de que son as forzas gravitacionais as que nos trasladan ao seu antollo. E que ninguén, e digo ninguén (persoa, empresa, nación, ideoloxía, deus, etc.) nos dirixe.
A pesar de todo, sumámonos con plenitude de conciencia e intencionalidade a poñer de manifesto a falta de equidade por sermos mulleres ou homes, altos ou baixos, diferentes ou iguais, fortes ou débiles, sans ou enfermos, de aquí ou de alí,...[1] e o vou facer, en contraposición ao dito ata agora, sen grandes alfaremes, coa voz tranquila e reivindicativa dos veciños de Beluso reclamando, un 14 de xullo de 1881, unha escola de nenas para a súa parroquia:
 Ao Concello Constitucional de Bueu
Os que subscriben [...] á corporación municipal respectuosamente acoden expoñendo: Que miraron con singular pracer o celo do Concello e o desexo que lle anima por difundir a instrución creando na próxima parroquia de Cela unha escola de rapazas tan necesaria como beneficiosa, é ao mellor desenvolvemento e fomento da educación da muller circunstancia que os que subscriben teñen sen reserva que aplaudir; por máis que ben desexaran obtivese aquela o grao de elemental completa, pero non obtén a súa categoría. Non pode por menos que recoñecer o beneficio que reporta a súa instalación.
Dígnase na actitude do Concello o fixar a escola de que se trata ten de recoñecer o municipio o principio supremo do dereito que consiste na equidade, e en tal concepto, e seguros os que subscriben dos bos propósitos da municipalidade, cren firmemente que terá que atendese, axustarse e subordinar a súa acción aqueles prexuízos, pois a que se o demanda a xustiza máis severa.”
Equidade palabra que, con outras, nos aportan valores universais, non ideolóxicos, e que nos animan a adherirmos ás intencións e fins do “Día Internacional da muller traballadora” que hoxe celebramos.
Nota: De botar, botaría en falta o “Día internacional do Sentido Común” (e o mellor día para celebralo: os 365 días do ano) pois así non sería necesario reivindicar tantas cousas que terían que ser normais neste autobús...


[1] Se vos fixades un pouco só veredes persoas.

1/3/17


O día 26 de novembro de 1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitou ao taberneiro lles servira unhas copas. Vendo isto un Axente de Policía Marítima do Distrito de Bueu llo recriminou por estar expresamente prohibido o consumo de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Situación que provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola actitude de Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do concello de Bueu.
O incidente xerou unha denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade”  decide cesalo no seu cargo e substituílo, como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o entrante...”