30/8/16


Hai uns meses escribín un artigo para a revista Aunios nº 21[1] co título “Apuntamentos da illa de Ons e a Falanxe” onde facía unha recolleita de datos, dende 1938 a 1950, que puña, entre outras cousas, de manifesto a utilización das penurias dos habitantes de Ons por parte de institucións de Beneficencia ou mesmo gobernativas.
Remataba o artigo dicindo: “Uns anos despois, 1949-1950, Ons vai caendo no esquecemento para as institución de Beneficencia e Axuda. Así pódese constatar que nas relacións de Familias Pobres do concello de Bueu ás que se lle adxudican vales de Nadal para artigos de alimentación non aparecen ningunha da illa de Ons.
Polo visto esquecín algún “acto”[2] a partir desas datas como o que está reflectido que transcribo a continuación[3]: Con motivo da festa do pescador humilde que se celebraría o próximo domingo día 3 [de agosto] na illa de Ons, o Excmo. señor gobernador civil da provincia Dr. Palao Martialay, fixo entrega ao Gremio de Mareantes encargado da organización daquela simpática festa, de tres canistreis de roupa confeccionada pola Sección Feminina de Falanxe Española con destino a outras tantas familias de mareantes humildes.
O Gremio de Mareantes expresa a súa gratitude sinxela á primeira autoridade civil da provincia por este risco de xenerosidade co pobre home do mar.”
Queda dito!


[1] Enlace ao artigo Aunios 21: https://db.tt/7xdbF73e
[2] Aínda que non houbera moitos.
[3] Do xornal La Noche do 30 de xullo de 1952 páx.1

13/8/16

Relido o artigo Castelao en Beluso  escrito por Miguel García García no seu blog Aernobriga volvo a quedar de novo impresionado pola claridade, precisión ou ‘rigor histórico’ é polo aire de frescura que reflicte nos seus escritos. E co ánimo de aportar algo máis da figura de Castelao e Bueu, que desexo se siga a incrementar no futuro,  e polo que engado o apunte seguinte:
O 20 de xullo de 1935 o alcalde de Bueu, Ramón Domínguez Ferradás, recibe un telegrama do Gobernador Civil no que lle da conta da solicitude do Presidente do Partido Galeguista en Pontevedra, Víctor Casas, para celebrar un mitin no domingo 21 ás catro da tarde no que tomarían parte, o solicitante, Gerardo Álvarez Gallego, Alejandro Bóveda, Alfonso R. Castelao e Manuel Gómez Román. Para isto doulle autorización coas seguintes condicións: Que o mitin tivera lugar nun local pechado e que a alcaldía designara un Delegado “que asista ao acto e adoptar as medidas convenientes orde” e que lle deran conta ao gobernador.
O día 22 de xullo o alcalde remítelle un telegrama ao Goberno Civil co seguinte texto. “En cumprimento comentado por Vd. en telegrama do día 20, debo participarlle que non se celebrou no día de onte mitin algún de propaganda galeguista, e só tivo lugar un xantar na carballeira de Sanamedio a onde concorreron un pequeno grupo de afeccionados a dito partido ou simpatizantes co mesmo.”
O por que non se celebrou o mitin con esas persoas relevantes do Partido Galeguista  descoñecémolo pero o que si se pode aportar é que Castelao nesas datas non podía vir a Bueu xa que seguía confinado en Badaxoz (estivo ata o 6 de setembro que puido saír grazas ás xestións do, daquela ministro de Gobernación, Manuel Portela Valladares).
Como podedes ver no artigo de Aernobriga o 6 de outubro dese ano de 1935 tamén convocouse un novo mitin que non puido celebrarse por desautorización do Gobernador Civil.

1/8/16



Nemeton / Arquivo Agulla

Esta fin de semana coa organización, entre outros,  de dous festivais de música tradicional e folclórica (Festival Recordos, o venres; e o sábado do Festival Alborada), festivais no Aturuxo[1], da actuación de Carlos Núñez e o seu grupo e, o vindeiro fin de semana, coa volta do SonRías Baixas fan que Bueu rezoume música por todos os recunchos.
Isto, e que acabo de chegar dunha máxica actuación na Igrexa, fanme cambiar a Entrada do blog prevista e elixir outra que nin pensaba...
Neste caso dar a coñecer[2] un pouco máis a un Grupo folk Nemeton fundado en Bueu por tres mozos desta vila aló polo ano 1976 (actuaron ata o 1978):
Emilio Rodríguez Miranda (Voz, guitarra acústica e española, frauta doce)
Miguel Agustín Pouseu Loira ‘Tinso’ (Zanfona, guitarra acústica e española)
Isidro Cortizo del Río (Voz, guitarra acústica e española e pandeiro)
e algunha vez acompañounos Fito (Adolfo ‘O Chino’)
Nemeton / Arquivo Agulla
“O nome do grupo fai referencia a un recinto sagrado nun claro da fraga onde ofrecíanse sacrificios  aos deuses. Neste caso, ao deus celta NETON”
Actuaron nunha chea de lugares e escenarios: foron teloneiros de Fuxan os Ventos nas festas da Banda do Río, así como en Cela e no Paraninfo do Instituto Sánchez Cantón en Pontevedra; tamén con Amancio Prada no cine Veiga de Moaña, na Carballeira de Bronlle; tamén de Suso Vaamonde, etc. Actuaron na Casa do Mar en Bueu, acompañados por Antonio Cerviño Loira (hoxe profesor de piano no conservatorio da Estrada), na que tocaron e cantaron unha Cantiga de Alfonso X o Sabio; actuaron da man da Asociación Cultural Liboreiro, etc.
 
Grupo Nemeton por Agustín Pouseu
Sempre acompañábanos Pepe, o irmán de Tinso que, por certo, como bo carpinteiro (coma seu pai) fixo esa zanfona que aparece na foto cuspidiña a unha que figura no museo Provincial de Pontevedra.


[1] “Tales of Monkeys e The Dragon Wave  (xoves 28) e “El Gueto con Botas” (domingo 31)
[2] Está xa incluído, dende hai uns días, na edición dixital da Revista o Candíl nº 18 “A música en Bueu no correr dos tempos” que está nas miñas webs. Que tamén podedes baixar (páx. 36) neste enderezo: https://db.tt/QtOmcddR