25/7/16



No marzo de 1936 foi o mes no que en Bueu toma posesión como Alcalde José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira)[1] e en Madrid tamén toman posesión dos seus cargos coma deputados[2] Castelao, Santiago Casares Quiroga, Armando Peñamaría, Ramón Suárez Picallo, etc.
Neses mesmos meses o panorama político e económico anda revolto. O mesmo ocorre co mar e no só polo rebulir da abundancia de sardiña senón, e tamén, polo baixos prezos da mesma; así como pola loita fratricida que estes prezos, baixo o control arbitrario da industria conserveira, provocan entre mariñeiros e armadores. Consecuencia de todo isto a flota está en terra e os mariñeiros en paro. E a fame aniñaba en moitas familias da beiramar o que non é de estrañar que as primeiras propostas que Carballeira fai como alcalde[3] son para abrir unha subscrición pública para axudar ás familias necesitadas aportando, por parte do concello, 1000 pesetas; negociar cos panadeiros unha baixada do prezo do pan; e o que era relevante para axudar a solucionar o conflito da pesca, negociar que se contratasen as caixas de medida do peixe cun prezo unitario mínimo así como que houbera un soldo mínimo para o traballo no mar que compensara tanto aos mariñeiros coma armadores.
Nunha editorial de El Pueblo Gallego[4] titulada “O concello de Bueu acorda dirixirse ao goberno” da conta das xestións, a petición do sindicato de mariñeiros e do alcalde, directamente realizadas ante o goberno e parlamentarios en Madrid. Pon a transcrición do texto que coincide exactamente coa nota para o telegrama enviado a Castelao e que reproducimos na fotografía.
“Paro absoluto flota pesqueira este porto e demais rías galegas a causa depreciación sardiña, urxe celebración asemblea pesca para volta normalidade e mentres tanto indispensábel declarar subsistente pacto fabricantes e mariñeiros, finalizado 5 actual. Encarézolle active xestión vitalísima cuestión que afecta importantísimo número familias ameazadas miseria. Saúdalle, alcalde, Carballeira.”



[1] Na sesión do 10 de marzo de 1936.
[2] No que sería o último Congreso de Deputados anterior á Guerra Civil.
[3] Na sesión do 21-3-1936.
[4] El Pueblo Gallego do 12-6-1936 páx. 1

10/7/16

O mércores, día 9 de xullo de 1930 reuníronse os presidentes da ‘Cultural Plus Ultra’ de Beluso e o do ‘Bueu F. C.’ para asinar as bases que rexerán nas disputas que a partires de agora haxa entre os equipos destas dúas sociedades pola Copa Tapias. Copa de prata que foi doada polo conserveiro Juan Tapias, antigo conveciño de Pescadoira.
A transcrición das bases din:
BASES PARA O CONCURSO 
COPA 'TAPIAS'
=======================
          A SOCIEDADE DEPORTIVA “CULTURAL PLUS ULTRA” DE BELUSO, DESEANDO FOMENTAR OL DEPORTE LOCAL E EXALTAR A AFICIÓN, E CON OBXECTO DE QUE SIRVA DE ESTÍMULO AOS XOGADORES DOS EQUIPOS DESTE DISTRITO, ACORDOU POÑER A CONCURSO A VALIOSA COPA DOADA Á “CULTURAL” POLO DISTINGUIDO E ANTIGO CONVECIÑO D. JUAN TAPIAS, A QUE SERÁ DESPUTADA EXCLUSIVAMENTE POLOS EQUIPOS DESTE MUNICIPIO, “BUEU F.C.” E “CULTURAL PLUS ULTRA” CON SUXECCIÓN ÁS SEGUINTES
======  B A S E S  =====
1.      A posesión da copa ‘Tapias’ disputarase en doce partidos durante tres anos consecutivos, celebrándose catro cada ano, dous partidos en cada campo.
2.      Os partidos celebraranse alternativamente nos campos dos respectivos clubs, e as datas serán designadas de acordo entre ambas as Sociedades, o mesmo que a hora en que han de dar comezo.
3.      A clasificación para a posesión da copa, farase por puntos, outorgándose dous en cada partido ao vencedor e un a cada equipo contendente en caso de empate.
4.      Será declarado vencedor de cada ano o equipo que á terminación dos partidos correspondentes ao mesmo, obtivese maior puntuación. No caso de que ambos equipos resultasen clasificados con igual número de puntos, celebrarase un novo partido de desempate, escolléndose campo por sorteo.
5.      O equipo vencedor en cada ano, ten dereito a gravar no trofeo, a vitoria alcanzada e a exhibilo durante quince días nun escaparate da localidade.
6.      A vitoria de cada ano non dará dereito ao equipo vencedor a reter a copa no seu poder até o terceiro ano, en que entrará en posesión definitiva dela se ao finalizar o cuarto partido do mesmo ano resultase con maior puntuación na totalidade dos partidos xogados no tres últimos anos do concurso.
7.      Durante o tempo en que se dispute este torneo. o trofeo estará en poder de don Francisco
Puig Martínez[1], que o reterá até finalizar o concurso. Á terminación do último partido deste, seralle entregada a copa pola Presidenta do ‘Cultural’ en posesión definitiva, ao equipo que resulte vencedor do torneo.
8.      Se, iniciado  o torneo, algún dos equipos retirásese da competición ao rexeitase seguir tomando parte dela, aínda cando tivese gañado algún partido ou a totalidade dos xogados até a data da súa retirada, perderá os seus dereitos sobre a copa, sen reclamación de ningún xénero.
9.      A totalidade do ingreso en despacho de billetes, que será intervida por delegados de ambos equipos, repartirase a partes iguais entre os dous Clubs, descontados soamente os gastos que se orixinen por propaganda, se esta non se pagou antes entre ambas as Sociedades.
10. No campo de cada club terán acceso libre os socios pertencentes ao mesmo, a entrada xeral, previa presentación do recibo mensual.
11. Os equipos estarán integrados exclusivamente con xogadores naturais do concello de Bueu residan ou non neste termo municipal, ou con elementos naturais doutra localidade, pero que leven de residencia no municipio dez anos como mínimo.
12. Cada club entregará ao outro anualmente, antes do primeiro partido que se celebre, unha relación dos xogadores que o integren e asinada polos mesmos, cuxa lista non poderá ser modificada posteriormente.
13. No caso de que houbese algún xogador que figurase inscrito polos dous clubs nun mesmo ano, será eliminado, non podendo xogar por ningún dos dous equipos no devandito ano.
14. Os árbitros serán nomeados de común acordo polos directivos de ambos clubs e de non recaer acordo concreto, someteranse a sorteo os nomes das persoas designadas por aquelas, elixíndose así una das devanditas persoas para a arbitraxe.
15. Estas bases unha vez aprobadas polas directivas de ambos clubs, son inalterables e non poderán ser modificadas por ulteriores acordos das mesmas ou das que lles sucedan.



[1] Coñecido coma ‘Don Pancho’ estaba casado en Beluso con Ifigenia Davila. Fora encargado-director da fábrica de Juan Tapias ata que no 1915 pasou a traballar para a conserveira Massó.

 Nota: O primeiro encontro sería no campo de Corredoiras o luns día 14 de xullo por coincidir nun dos días da festa do Carme. O segundo partido foi o día da patroa de Beluso (15 de agosto) e o Bueu, non sen polémica, gañou 2-1.

Coa desaparición do Bueu C. F. en 1931 no houbo posibilidade para que algún dos equipos fixérase acredor, no terreo de xogos, da Copa Tapias.