20/6/16

Estamos nun momento no que a política polariza sentimentos. No que a corrupción presenta a súa cara máis descarnada. Onde os cantos de serea arrastran ao fondo da nada ás ilusións de milleiros de persoas e, o que aínda é peor, levando tras de si a esperanza,  o futuro das novas xeracións.
Se se puidera apostatar deste mundo inxusto moitos o pensaríamos. Hai quen prefire esperar a ver se se ‘para o mundo para baixarse’[1]; e outros, por sorte os menos, non esperan e tíranse con el en marcha. 
 A pesar deste panorama hai quen como estrelas de luz refulxen dende que comezou o luscofusco que nos leva á escuridade. Persoas que dende calquera posición da nosa sociedade fan do respecto, da solidariedade, do esforzo, da honradez... principio da súa ética cotiá.
Quixera rescatar do horizonte unha afastada estrela que nos servira de contraposición ás noticias que a diario nos dan os medios de comunicación (E menos mal que a dan! Pois aínda así....) pero a brétema non me deixa ver ben... Polo menos quero resaltar un pequeno-gran feito ocorrido en Bueu:   
No xaneiro de 1927 recíbese na alcaldía unha carta acompañada por unha tarxeta-bono como unha demostración de distinción persoal para viaxar gratuitamente no transporte que facía Pontevedra-Bueu-Cangas, por parte da empresa concesionaria da liña.
A resposta do alcalde foi rápida, contundente e con doses de amabilidade:
Moi Sr. Meu: Devólvolle a Vd. adxunto a Tarxeta de abonado que en nome da empresa ‘Transporte Automóbiles’ tiveron a bondade de remitirme.
Sinto non poder aceptar a distinción que me propoñía...”

Nota: Logo de escribir o que antecede busco o nome do personaxe protagonista e  comprobo que é o alcalde de Bueu era Camilo Davila Davila. Alcalde que, entre outras cousas abriu a Biblioteca Popular (7-10-1927)[2] e logo creou o cargo de Bibliotecaria[3]; alcalde que creou de forma definitiva a Escola do Pósito de Pescadores (outubro 1929)[4]; alcalde que prohibiu aos coches circular polo centro de Bueu a máis de 10 km/h para "conseguir seguridade e tranquilidade nas rúas do pobo[5]; nomeado alcalde dúas veces[6]Delegado de Orden  Público no 1936; alcalde que foi amentado e sinalado por iso e que, ao non soportar acusacións que el consideraba inxustificadas, autoexiliouse en Santiago de Compostela onde faleceu no nadal de 1982.

[1] Frase atribuída a Groucho Marx “Que pare o mundo que me baixo”. Outros a poñen en boca de Mafalda,... eu a mirara nunha pintada do “Maio francés do 68”.
[4] Revista Os Galos nº 9: https://db.tt/Wql89wrd
[6] http://acidras.blogspot.com.es/2012/10/nomearono-alcalde-duas-veces.html

12/6/16

A Igrexa de San Xosé: Diferencias do proxecto inicial e agora.  
O que puido ser e non foi...
A igrexa proxectada polos arquitectos Francisco Castro e Pedro Alonso tiña unhas características suntuosas como pode comprobarse pola súa memoria e planos:
A xustificación dunha igrexa tan grande é a de “dotar non só a este grupo, senón tamén á barriada, deste servicio relixioso, pola grande distancia que se atopa a parroquial”.
Un amplo atrio da igrexa estaría á altura da estrada Pontevedra-Cangas e a súa intercesión con Pazos Fontenla. Dende a entrada exterior do atrio ata a porta da igrexa había un lixeiro desnivel. Pretendíase “aproveitar a maior elevación do terreo para destacar a súa máxima xerarquía, ao propio tempo que presentala como amparadora do grupo escolar”.

Coa torre situada na parte máis avanzada onde a “igrexa ten un fronte de 12,80 m. e unha lonxitude de 31,60 m. sen incluír a ábsida. Ten un primeiro corpo de acceso ao nártice[1]a cuxo lado dereito está situado a torre, na que se desenvolve unha escala de subida ao coro e ao campanario. No lado esquerdo hai unha dependencia que pode ser o baptisterio[2].

A igrexa é dunha soa nave con contrafortes resaltados interiormente deixando espazos laterais que serán destinados á instalación de altares e confesionarios [...] Nun deses espazos laterais colócase o púlpito  [...]. Ao fondo o altar maior, no nivel máis elevado, no centro dun ábsida de forma poligonal, e separado da nave pola balaustrada e gradas do comungatorio. Á esquerda desta ábsida está a sancristía [...]
Os contrafortes irán enlazados con arcos e bóvedas rebaixados, quedando así definidos claramente os nichos dos altares laterais. E por enriba destes arcos arrincará a bóveda da igrexa que é de canón rebaixado, con arcos faxóns coincidindo cos contrafortes.
Na planta baixa distribuíuse a vivenda do cura, baixo a ábsida da igrexa e o almacén, lavadoiros e demais servicios da Comunidade.”

A nova capela quedouse en:

Ao esgotarse a posibilidade de facer a igrexa anteriormente descrita o Padroado solicitou permisos para modificar con algún tipo de separación (portas corredoiras, biombos,...) as aulas e vestíbulo centrais para que, ao igual que se había feito ao longo de case medio século na capela vella, puidesen abrir nos momentos que se quixera celebrar algún oficio relixioso e así ter polo menos un espazo de culto no recinto escolar. Polo arquitecto do ISM non puxo impedimento algún pois non afectaba á capacidade escolar. Iso si, os gastos da modificación correrían a cargo do Padroado ou do Concello. Máis cando puxéronse mans á obra optaron, coa conivencia de todas administracións implicadas, por delimitar ese espazo central e o que ía ser vestíbulo, súas salas de profesores, salón de exposicións de traballos escolares, dous servicios, dúas aulas completas e parte doutras dúas transformalo nunha pequena capela de algo menos de dous centos metros cadrados.
Para manter a idea primixenia seguiu baixo a advocación de San Xosé coa mesma imaxe, doada por Jerónimo Bolíbar, presidindo o altar. Capela á que se lle deu uns pequenos ‘toques’ mariñeiros no seu mobiliario e ambientación.



[1] Vestíbulo propio das basílicas paleocristiás, situado ao ancho da fachada.
[2] Lugar dunha igrexa onde se atopa a pía bautismal.

1/6/16

Debuxo: Fernando Otero
Chegados a 1950 o equipo que rexe o Padroado San Xosé deu en loitar para manter a Capela grande pois esta non sería só “para as atencións relixiosas escolares” senón tamén para os veciños en xeral. De non conseguilo, tratar de que a última proposta do ISM sexa para esta construción o máis grande posíbel e para iso a empresa Massó axuda na obra co transporte de materiais.
Pero as dificultades para a construción prevista comezan a
Traballadores de S. Xosé
medrar a pesar de que no 1953 a Obra Social do Movemento concede unha subvención de 196.000 pesetas para a Capela-escola. Estas dificultades poñen ao Padroado ante a evidencia de que non é posíbel levantar a capela incluída no proxecto ni tan sequera con menor volume. E o 19 de marzo do 1954 escríbenlle ao arquitecto Sr Francisco Echenique para que lle permita á empresa construtora póidanse adaptar as aulas da escola para ser transformadas en capela os días festivos mediante portas corredizas ou outro procedemento. O ISM autoriza as modificacións pero os gastos serían costeados polo Padroado.
Xa co proxecto inicial sen a capela grande, reducido o número de aulas, sen comedor,... o Padroado consegue outras modificación como foi a eliminación de dúas aulas, a sala de traballos manuais e de experiencias e dous despachos de mestres para construir no seu lugar unha pequena capela (que é a que hai na actualidade).
E así chegamos ao mércores, día 15 de agosto de 1956 no que se fai o traslado do mobiliario e obxectos de culto da ‘Capela-salón San Xosé’ (Capela Vella) á ‘Capela-escola S. Xosé da Praia de Bueu’ (‘A Capilla’). Ese mesmo día o coadxutor, Desiderio Gradin Moreira, oficia a primeira misa e o cura párroco, Ángel Rama Lestón[1], bendice as mesmas e entrega as chaves da “Capela Vella” a súa propietaria, Carmen Rúa Catani[2], dándolle “a gratitude da igrexa pola súa xenerosidade”.
A pesar da inauguración a obra non estaba de todo rematada pois hai documentación na que o cardeal Quiroga “bota unha man” solicitándolle ao Director do Instituto da Vivenda axude a que este Padroado e aporte as 500.000 pesetas prometidas xa que axudarían moito a completar o total da obra.
Escola de Orientación Marítima
O novo curso iniciouse cunha Escola de Orientación Marítima que rexentaba Manuel Aboy Gándara.
O Concello solicita (20-9-1962) que lle sexa cedida a Capela-escola construída polo ISM e esta pase a depender integramente del xa que o sostemento[3] e conservación corren a cargo do concello que tamén habilitou a capela e os locais-escola. De ser así comprométese este a crear unha nova escola de Orientación Marítima.
No 1963 o ISM responde ao Concello que no pode acceder á petición por carecer de fondos para a amortización polo que a Confraría terá que seguir pagando 2.406 pesetas mensuais. Ou que se poña de acordo co Concello que é o beneficiado xa que “a amortización do edificio como a obra social cultural e asistencia relixiosa son cargo da Confraría e no seu caso do Concello”.
Escola de F.P. Marítimo-Pesqueira
E así chegamos ao ano 1972[4] onde créase nesas instalacións a Escola de Formación Marítimo-Pesqueira que logo sería (1974-94) Centro de Formación Profesional de 1º Grao na Rama Marítimo–Pesqueira que a partires de 2006 pasará a depender da Xunta de Galicia[5].


[1] Da capela encargaríase o coadxutor Jaime García Rodríguez.
[2] Ao través do seu representante no Padroado, Gaspar Massó.
[3] Isto o fai tamén porque ese mesmo ano reclámanselle 192.558 pesetas á Confraría e a Hermanos Massó pola cota de amortización do grupo escolar S. Xosé. A Confraría está de acordo coa cesión pois non pode facerse cargo da amortización, que lle corresponde, do edificio nin manter o mesmo.
[4] O alumnado que había nela pasou ao Colexio Público de Bueu (hoxe CEIP A Pedra) que fora inaugurado no curso 1971-72
[5] Traspasado polo ISM o 1 de xullo de 2006. Para maior información deste período poder verse en http://www.concellodebueu.org/src/instalacions/docs/nautica.pdf