23/5/16

Hoxe que os xornais dan a noticia de que “As alfombras do Corpus regresan a Cela tras unha ausencia de cinco anos” lémbrome do día 2 de xullo de 1911 onde a celebración do Corpus de Cela tivo unha relevancia especial pois partiu, á tardiña, dende a igrexa de Cela ata á de Ermelo. Nesas datas o alcalde, que era de O Burgo-Cela, participou nela para darlle relevancia institucional e o fixo acompañado por outro concelleiro tamén de Cela.
Esta noticia a coñecemos grazas ao xornal “El Eco de Galicia”, editado en A Coruña, que tiña como director a Zenitram (José Gómez Martínez)[1], sobriño do párroco de Bueu, Juan Martínez Casamande.
A transcrición da pequena nota que pode verse na imaxe é:
“-En Cela (Bueu), expúxose o Santísimo e logo dos exercicios vespertinos saíu baixo palio ata a igrexa de Ermelo, filial de Cela.
Na procesión, que foi moi concorrida, figuraron o alcalde de Bueu, D. Agustín García Parada e o concelleiro D. Daniel García. 
O viril foi levado polo ecónomo D. José Buesas Leis, quen antes de dar a bendición deu ao pobo as grazas pola súa cooperación a dito acto.



[1] Que no 1914 sería ‘castigado’ a vir como coadxutor para Bueu por airear ‘chanchullos’ do arcebispo (ver entrada no blog http://acidras.blogspot.com.es/2012/03/zenitramen-bueu.html ).

8/5/16


O día 7 de maio de 1889 D. Salvador Avilleira[1] Estévez, natural de Cela, lle escribe un oficio ao alcalde de Bueu, Manuel González Plá, indicándolle que a partires do día 12 dese mesmo “mes comezará baixo a súa dirección a publicación dun xornal titulado El Relámpagoo cal defenderá os intereses da provincia e moi especialmente os desta Vila”. Na mesma lle pide que avise ao Gobernador Civil e que ordene o selo autorización da alcaldía nos dous números que marca a lei.
O alcalde remite o oficio ao Gobernador civil para que este lle indique as normas que debe seguir para autorizar a publicación do xornal. Este o remite á Gaceta do 30 de xullo de 1883[2].
Seis días despois (21-5-1889) Salvador Avilleira particípalle ao alcalde que o “vindeiro domingo 26 do que rexe [maio] mirará a luz pública neste pobo un xornal semanal domingueiro, titulado ‘El Relámpago’  do que son dono e director, e o cal só defenderá os intereses xerais da provincia e moi especialmente os desta vila: alleo por completo a toda clase de política”. Tamén lle notifica, axuntándolle un recibo da contribución, que se imprimirá no establecemento tipográfico de D. Luís Carragal.
 Nota: Só editou o primeiro exemplar polo que o seu nome da fe do seu paso efémero polo mundo da prensa. Que saibamos non se conserva ningún orixinal.


[1] Outras referencias que temos del: Nado en Murráns-Cela o 1-4-1865. Fillo de Manuel Avilleira Freire e Josefa Estévez Guimeráns. Seu pai era practicante. El, coma cirurxián en Cela, notifica ao Rexistro do Xulgado o falecemento de José Joaquín Aldao y Sarmiento o 6 de maio de 1896.  O 13 de agosto de 1897 coma Síndico do concello de Bueu acompaña ao alcalde Miguel Nogueira e a os tenentes, Narciso Galup e Tomás García comisionados polo concello nos funerais polo Señor Cánovas na cidade de Pontevedra…
[2] Refírese á Lei de Imprenta do Ministerio da Gobernación, que apareceu publicada na Gaceta de Madrid nº 211 nás páx. 189-190. Pode lerse en https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1883/211/A00189-00190.pdf

2/5/16



Coma primeiro acordo do novo Padroado San Xosé foi que se encargaran os Proxectos técnicos da Capela-escola. Neste caso foi aos arquitectos Francisco Castro e Pedro Alonso. 
 Posteriormente o Padroado reúnense para estudar o proxecto presentado o 9-1-1948 e, na mesma sesión, o aproban e deciden remitirllo á Confraría de Pescadores para o seu estudo e ao Concello, para que este o faga seu e realice os trámites precisos.
Como xa mencionamos cunha finca que pertencía a Carmen de la Rúa Catani e foi doada[1] pola mesma para o uso exclusivo de Capela e escolas comezouse un Expediente para expropiación de terreos coñecidos por Chan de Barca ou Silveiras, do barrio da Praia, que contou con seis fincas, todas elas de labradío, cunha superficie de 1.407 m2 polas que se pagaron 20 pesetas/m2 cun aumento do 3% coma prezo de afección. O que dou un montante de 28.984,20 pesetas[2].
Na reunión do Padroado do día 2 de outubro de 1948, Gaspar Massó doaba, no nome da empresa Massó Hns,  65.000 pesetas[3] que puña desde ese momento a disposición do Padroado.
Ao ser conscientes de que aínda con eses cartos e coas previsíbeis novas aportación sería imposíbel facer frote ao total da obra é polo que autorízase a cesión do proxecto ao Instituto Social da Mariña[4]. Para todo o cal entraron en xogo todo o potencial de influenzas dos irmáns Gaspar e José Mª Massó. Obxecto que conseguiron o 3 de marzo de 1949.
Houbo dúas Sesións do Concello[5] para autorizar e confirmar datos no Rexistro da propiedade, exención de cargas para antigos propietarios, cesión das mesmas, etc.
Logo tamén houbo dúas relevantes Sesión da Permanente do Concello para poder ofertar aos organismos estatais os proxectos:

  • A Permanente de 9 de marzo de 1949 para vela Actas polas que se interesa os pagos das parcelas expropiadas e autorizar se liberen inmediatamente as sumas correspondentes para facer o pago das mesmas e para o outorgamento das escritura.
  • Na Permanente do 1 de xuño de 1949, cos terreos pagados[6], autorízase o outorgamento de escritura en favor do Instituto Social da Mariña, representado polo Axudante de Mariña de Bueu, Gonzalo Torrente Piñón.

Interesa grandemente ao concello de Bueu, eminentemente pesqueiro con 2.000 mariñeiros, na súa maioría cabezas de familia, poder contar cunha barriada para os traballadores do mar, e cunha Capela-Escola que lle permita o cumprimento dos seus deberes relixiosos, atendendo á vez a ensinanza dos seus fillos xa que disponse de terreos próximos á praia para a barriada de que se trata, distante uns 500 metros dos da Capela-escola, contigua á estrada e con amplitude para deportes e campos de experimentación”.
Estes terreos foron cedidos oficialmente, cos destinados para o “Poboado de pescadores”, ao Instituto Social da Mariña (ISM)[7] o 18-7-1949.
Gaspar Massó segue (1951) na busca de conseguir cada vez máis adhesións e recursos para esta grande obra como cando pon ao Arcebispo Fernando[8] en situación do Padroado, obras, presupostos, entidades participantes, donantes,... e lle solicita as 57.700 pesetas máis os intereses acumulados, do mandato testamentario de Visitación Estrada Galup (viúva de Herrerín) depositadas no arcebispado, que segundo vontade da testadora debían aplicarse en escolas en Bueu. Ou como as insistentes peticións ao Instituto Nacional da Vivenda para que cumpran a promesa realizada polo seu máis alto rexedor, de 500.000 pesetas
A Confraría de Pescadores de Bueu pídelle, por esas datas, ao ISM que teña en conta as necesidades de Bueu e constrúa, polo menos, unha capela e unha escola de tres clases e tres vivendas para mestres. A partir deste momento o I. S. da Mariña comprométese á construción do grupo de escolas, pero recoñece que “organismos á súa vez superiores vétanlle a construción da Capela nas dimensións presentadas nos planos do proxecto, xa que consideran que as actuacións relixiosas do grupo escolar quedarían satisfeitas cunha capela máis modesta”.
Para o seguimento das obras e xestión das mesmas o Padroado constituíao nestas datas: Ángel Rama Lestón (cura de Bueu, como delegado do arcebispo[9]), Gaspar Massó García (pola empresa Massó Hnos e pola propietaria Carmen de la Rúa), Gonzalo Torrente Piñón (polo Instituto Social da Mariña), José Juncal Freire e José Cerqueiro Malvido (polo concello).
(Continuará)


[1] De 2.350 m2 e valorada en 48.000 pesetas.
[2] Ao que houbo que engadirlle 6.396,40 pesetas dos Dereitos Reais do documento notarial (26-10-1949) e de 340,50 pesetas polo conxunto no Rexistro da propiedade.
[3] O dobre do que conseguirán pola venda da Fábrica de salga da Roiba (Beluso).
[4] Tamén habería que ter en conta as realizadas co Instituto Nacional da Vivenda pois no “paquete” incluíuse 50 vivendas para pescadores.
[5] Unha o 25-11-1948 e 30-12-1948.
[6] Coa excepción dunha parcela por “resistencia do interesado á cesión”.
[7] Ante o notario de Marín, Hipólito Hermida Oubiña. E dunha parcela que faltaba o 26 de xuño de 1951.
[8] Tamén acudiu a el para que influíra ante organismos estatais para conseguir axudas.
[9] O 4 de xuño de 1949 foi nomeado arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios. No 1952 investido cardeal.