25/4/16

Capela vella-Debuxo Fernado Otero
O obxectivo dalgúns destacados bueuense, de acadar a construción dunha capela e escolas para os fillos dos mariñeiros en Bueu víase lonxe, e mesmo utópico. Os proxectos estaban estancados e para comezar tiveron que buscar acubillo; e este atopouse provisionalmente, grazas á xenerosidade dos propietarios Dn. Antonio Nores e Dna Carmen de la Rúa, na ‘capela vella”.
Por iso e coa intención de  promover os traballos precisos para chegar conseguir unha gran ‘Capela-escola’ que Bueu precisaba, creouse o antigo Padroado San Xosé para xestionar este patrimonio. As actividades funcionaban con múltiples carencias de espazo, hixiene, etc., que polo 1946 víase agravado pola existencia no baixo da Escola dun taller de mecánica ou carpintaría polo que “resultaron sempre dificultosos e ata irrespectuosos ambos servicios da fundación”.

Entre os vogais que se foron incorporando estaba Gaspar Massó que no verán de 1946 decidiu tomar as rendas ao ver que o Padroado carecía da autoridade necesaria para o labor, que con urxencia precisábase, de tentar construír dunha vez por todas un centro educativo e unha capela. Para o cal decidiron refúndanse como Padroado e dando entrada a un representante do concello, outro da casa Massó Hermanos e outro en representación da mecenas Carmen de la Rúa Catani[1], ademais do que designaran o Arcebispo e o Instituto Social da Mariña (ISM).
Os medios económicos cos que contaban para presentarse ante os posíbeis Patróns da nova Fundación (7-10-1946), eran:

  • Os fondos pro-capela na casa Massó Hnos.
  •  Os fondos da  manda testamentaria de Dª Visitación Estrada (viúva de Galup) en poder do Arcebispo.
  • Os da Fundación Manuela Fraguas.
  • Doazón de Massó Hnos: Importe da cesión da fábrica “Roiba” á dirección de Turismo[2].
  • Segunda doazón de Massó Hnos de dar froito a operación anterior.
  • A disposición dos actuais propietarios dos terreos, Dª Carmen de la Rúa Catani e o seu esposo D. José Mª Mora Ruíz, de doar os terreos precisos para o emprazamento.
  •  Compromiso da Casa Massó dunha subvención anual de 6.000 pesetas para o sostemento, a partires da inauguración da obra.
  • (E como suxestión ao Concello) Todas as mostras de peixe poxado na Lonxa pasase a beneficiar á comunidade relixiosa[3] que se fixera cargo da ensinanza

  Días despois desta proposta (24-10-1946), na sesión do Concello valoraron positivamente o labor realizada, o estado dos traballos, ofrecemento obtidos,... pídese á Comisión de facenda informe para constituír un novo Padroado no que podería entrar o Concello. A resposta afirmativa darase na sesión Plenaria do 12-12-1946.
O proxecto era ambicioso xa que constaba dun novo edificio de capela, vivendas para unha Comunidade relixiosa, habitacións para o capelán e aulas para 500 nenos pobres, fillos de pescadores ou de xente modesta.
Con data de 26 de decembro de 1946 o Alcalde de Bueu, José Mª Massó, e demais membros da Corporación cursaron un oficio-invitación ao Arcebispo, Instituto Social da Mariña (ISM), Dna Carmen de la Rúa e a outras entidades sociais dándolles a coñecer os proxectos desta Fundación e indicándolles que sinalaran un representante propio para formar parte do novo Padroado. De todos recibiuse contestacións favorables.
Chegados a este punto constituíuse oficialmente o novo Padroado ‘Pro capela-escola San José’ o 29 de xullo de 1947 quedando como segue:
Presidente: José Mª Massó García, alcalde de Bueu
Vicepresidente: Ángel Rama Lestón[4], cura párroco de Bueu
Tesoreiro: Gaspar Massó García (membro da antiga comisión)
Vogais: Gonzalo Torrente Piñón (Axudante militar de Mariña); Américo Otero Enero, 2º Tenente de Alcalde
Secretario: José Cerqueiro Malvido, Oficial Maior do concello e membro da antiga comisión

(Continuará)

[1] Sobriña e herdeira do Sr. Antonio Nores. Gaspar Massó foi o primeiro en solicitarlles a cesións duns terreos como algo fundamental para facer realidade o proxecto Capela-Escola. Dixeron que si e que xa o habían proposto eles con anterioridade.
[2] Expediente en trámite polo Ministerio de Gobernación
[3] A familia Massó tiña en mente a creación dun centro xestionado por relixiosas. Cando isto non foi posíbel eles o propiciaron facilitando instalación e financiación do que co tempo xermolaría no actual Colexio Virxe Milagrosa de Bueu.
[4] O 4 de xullo de 1947 é nomeado, polo arcebispo Fernando Quiroga Palacios, como delegado seu no Padroado.

10/4/16


Por pensar en socialismo ou por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1]. E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar. Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo  a piques de ser rapada... Esquecíame, as camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de dignidade. O risco valíalle a pena!
Nin cando chegou a “democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende, fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras modificaron o seu significado como: a “liberdade de expresión” que trocou a “Pasou a censura”; onde “república de “cousa ou interese público dunha comunidade” cambia, ironicamente, a “lugar onde reina o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a “desconcerto, incoherencia, barullo”,  etc. 
Non sei se me gusta que a xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que lle gustaba pensar ao seu dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República! 


[1] Tras un tempo puido recuperala grazas á amizade con Gaspar Massó.

1/4/16

Que foi da escola, do facultativo ou da capelanía Eclesiástica para Meiro que deixaba no seu testamento Esteban Antonio del Río Estévez?
Os tempos na xustiza sábese que van para largo e así o corrobora o dito castelán ”Las cosas de palacio van despacio”. Isto é o que pasou tamén coa execución testamentaria do benfeitor Esteban A. del Río. Terían que pasar máis de trinta anos do seu falecemento para ver os froitos das xestións e unha mínima, e provisional, realización dos mesmos, víranse reflectidos. Mais non en Meiro, como fora o seu desexo, senón en Bueu.
E todo comezaría en novembro de 1905 no que, nunha campaña para contrarrestar os avances dos “protestantes ingleses”, o Cardeal Arcebispo Martín de Herrera funda e sostén centros educativos en Marín[1].
Capela Vella
Oratorio Capela Vella
E, aínda que non é máis cunha idea, publicase que o mesmo cardeal dispón en Bueu[2]dunha considerábel extensión de terreo, en lugar céntrico e hixiénico, onde proponse edificar un magnífico local de escola, rodeado de amplo campo escolar. Este local escolar terá , no fondo do mesmo (un dos lados menores do paralelogramo)[3], un pequeno departamento, convenientemente separado, onde instalarase un altar para a celebración do santo Sacrificio os domingos e demais días de festa. [...] Ao fronte desta escola-capela pensa o Emmo. Prelado poñer un sacerdote-mestre, o cal, á vez que desempeñe cumpridamente o espiñento e nobilísimo cargo de mestre de escola, diga tamén, os días de festa, a santa Misa no referido altar...”.
Pasados uns anos (1909), e á espera de que esa idea se fixera realidade, abriu ás súas portas como escola-capela no lugar de Pescadoira, propiedade do Sr. Antonio Nores, que sería coñecida como “Capela-escola de S. Xosé da praia de Bueu” ou, co paso do tempo, como “Capela vella”. As instalacións estaban no primeiro andar do inmoble ao que se acedía por un patín ou escalas exteriores. Constaba dunha estancia con espazo amplo para escola e “apartado no mesmo para oratorio”.   Na primeira época o capelán era o que exercía de mestre como Francisco Canosa (1912), Antonio Sueiro (1913), Jesús Suárez (1930). etc.
Jesús Suárez - 1930
Nese mesmo ano constituíuse un Padroado, que levaba en xestación dende o 1905, o compuñan algúns veciños, como José López Díaz, José Cerqueiro Malvido, Antonio Nores, etc. que baixo a denominación de “Padroado pro-Capela-Escola de S. Xosé” mandaron proxectar uns primeiros planos dunha Capela-escola. Planos que nunca tomaron forma real por considerar os patróns que se quedaban curtos para as necesidades reais e por mor das dificultades económicas que suporía afrontar as obras e as xa necesarias ampliacións.
E así foi pasando o tempo e o que se pensaba que sería unha solución temporal durou corenta anos. O Padroado esmoreceu co tempo pero sen chegar a desaparecer de todo íase renovando nalgún dos seus membro de cando en vez.
Unha desas novas incorporacións sería a de Gaspar Massó que...
(Continuará)

Fontes: Arquivo Municipal de Bueu, Párroco Ángel Rama Lestón e
conversas con amigos como Manuel Gutiérrez, Mª Eugenia Bolíbar,...



[1] De niveis de párvulos, elemental e superior. Tamén pretende ampliar estes centros cun de adultos.
[2] Aproveitando a disposición do concello polo legado de Esteban A. del Río e onde hai grupos anglicanos con actividade significativa, sobre todo en Cela.
[3] Por esta e outras razóns, que trataremos no seu momento, o lugar ‘pensado’ nun principio era no que agora coñecemos coma Parque do Ramal dos Galos ou da Biblioteca.