21/3/16


Estes días onde a actividade política está algo ‘movida’ co proceso da investidura ou non á presidencia do goberno hai algo no que puxeron o punto de mira as noticias da maioría dos medios de comunicación, principalmente escritos nos primeiros días: o punto  do documento pactado por PSOE e Ciudadanos  que recolle a posibilidade de que se sae adiante a investidura, vólvase a adoptar o fuso horario de Greenwich (GMT +0) como xa se fixera, por vez primeira, no noso país o 1 de xaneiro de 1901[1]. De darse o cambio poríanos na hora de Portugal e Canarias, ou sexa, unha hora menos da que temos agora (GMT +1).
Se isto é bo ou malo depende de que Comunidade. Galicia sería unha das máis beneficiadas pola súa posición xeográfica con respecto ao meridiano.
 Quero poñer en consideración o paralelismo do que pode pasar nun futuro próximo co que pasou na España ou no Bueu de 1931: 
   En España: Tralo Real Decreto do 9-3-1931 do almirante Aznar no que se anunciaba a implantación da hora de verán, celébranse as eleccións[2] coa vitoria republicana que provoca, dous días despois, a proclamación da República. No primeiro Consello de ministros do goberno provisional presidido por Niceto Alcalá Zamora hai unha serie de Decretos como o de Indultos xeneralizados, disolución dos Milicias,... e o de Derrogación do Decreto que dispón o cambio de hora.

Isto foi o punto de saída para que en moitos concellos de toda España houbera bandos ou proclamas na contra do Cambio Horario.
En Bueu: A raíz dos resultados das elección tomou posesión como alcalde da nova Corporación Municipal, Ramón Domínguez Ferradás e nomeáronse coma vogais Riobó, Pimentel, Vidal e García. E os primeiros bandos desa Alcaldía son: un relativo á asistencia médico-farmacéutica aos enfermos pobres e outro facendo saber a anulación do decreto sobre o adianto da hora.
Dicir que non pasou nada é dicir que: os trens chegaron, coma sempre chegaban, a deshora[3]; os reloxos do concello marcaba a mesma hora oficial[4] e o Sr. Alcalde non tivo que ordenar a ningún cura a cambiar o reloxo da igrexa[5] por carecer estas del.


E mentres non se aclare o panorama lembrade que na noite do vindeiro sábado ao domingo (do 26 ao 27) temos que adiantar os reloxos unha hora. Ás dúas da mañá pasan a ser as tres.
E se chegáramos ao cambio de GTM, aconsellaría aos “hipocondríacos horario” prevéñanse contra a disritmia circadiana, síndrome dos fusos horarios ou  descompensación horaria (para os máis anglófilos “jet lag”) cunhas cantas doses de “Bicheiro” para mitigar, con humor, os síntomas (vixilia, fatiga, irritabilidade, etc.) ata a total adaptación do seu reloxo interno co novo horario.


[1] Real Decreto de 26 de xullo de 1900. Con isto evitábase tamén o de que distintas provincias tiveran hora diferente.
[2] 12 de abril de 1931.
[3] E non descarrilaron como lle ocorrera a un tren de mercadorías por un erro do cambio de hora no reloxo da estación de Avila (1926).
[4] O de Bueu non porque aínda non existía. Pero tampouco propoñíanse cousas como os obreiros de Vigo: “que o reloxo da poboación volvera a separarse da hora oficial” (1904).
[5] Como tiña que facer o alcalde de Santiago co Cabido da catedral para que adiantase o  reloxo unha hora (1918).

10/3/16

Un once de maio de mil oitocentos trinta un bueuense que fixera fortuna na emigración asinaba o Testamento ante o escribán Marcos Leonardo Agrelo da cidade de Bos Aires: 
“Esteban Antonio del Río Estévez natural de Meiro Parroquia de San Martíño de Bueu, Xurisdición de Cangas, Arcebispado de Santiago, Provincia de Galicia no Reino de España, fillo lexítimo dos Finados D. José del Río e Dª Francisca Estévez, e veciño desta Cidade achándome en pé aínda que algo achacoso pola miña avanzada idade, pero nos meus cinco sentidos e potencias cumpridas [...]. Declaro que son de estado solteiro que non posúo herdeiros forzosos ascendentes nin descendentes. Así mesmo  declaro que os meus bens consisten na Casa Quinta a miña Evitación noutra sen casa que está no fronte, outra máis ao Oeste a dúas cuadras de distancia tamén sen Casa. En dúas casas situadas en Pueblo, unha detrás das monxas Catelinas e outra ás inmediacións do parque de Artillería [...]. Declaro ser a miña vontade que os meus dous Escravos José e María queden libres despois do meu falecemento [...] ... dende agora dono ao meu Sobriño José Antonio del Río a casa que teño en Pueblo [...]. É a miña vontade que o meu Testamenteiro Reducindo todo a moeda Metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a Lei. Eu quero tres Establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha Escola de primeiras Letras; En segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da Freguesía e ademais que esixan a súa existencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa pensión de dicir unha Misa rezada todos os días festivos e de misa. A cuxas institucións Meu Testamenteiro  Aplicará os fondos que crea suficientes para encher a cada unha delas as Esixencias da Institución [...] Nomeo polo meu Testamentario en primeiro Lugar a D. José Antª Lagos e en Segundo a D. Manuel Miñán...”

Trinta e cinco anos despois (1865) o concello, sen resultado positivo, reclamou ao través do consulado español en Bos Aires. Polo que anos máis tarde, 10-2-1868, reúnense na Casa Consistorial de Bueu, baixo a presidencia do alcalde D. Manuel González Plá, algúns concelleiros, os “maior número de Contribuíntes” e o cura párroco de Bueu para asinar un poder a favor de Juan Benito del Río Rosales (de Domaio). Este, dende facía dous anos, que falecera D. Esteban Antonio del Río Estévez, estaba a reclamar en Bos Aires a herdanza a favor de Ignacio del Ríos Santos (de Moaña) como herdeiro do testador, Dn Esteban.
O poder outorgado é para que os represente ante os Tribunais da República Arxentina para conseguir “o cumprimento do que este ordenou en xunto á escola, Facultativo e Capelanía”.
Aclárase que o terá que facer sen “esixir dos outorgantes, por razón de gastos nin por concepto algún a menor cantidade”.
   
 

  Serviron para algo as xestións? E se serviron, Que foi da escola, do facultativo, da capelanía ou dos cartos?          
(Continuará)

Fontes: Arquivo Provincial Pontevedra. Sección Protocolos Notariais. Escr. Manuel Francisco Rodal

Arquivo Municipal de Bueu 

1/3/16



Matilde Bares Giráldez, mestra dun grande número de bueuenses que tiveron que optar pola emigración ten, en recoñecemento ao seu labor coma docente e animadora da cultura, unha rúa en Bueu e ponse baixo o paraugas da súa figura á celebración do día Internacional da Muller traballadora (e ata tivo un certame que levaba o seu nome).
Irmá de Manuel Antonio Bares, tamén mestres, escritor, home de negocios e emigrante na Arxentina. Manuel Antonio foi fundador e presidente do Banco de Galicia. Precisamente nesta labor de xerente do banco foi homenaxeado, coas familias dos directores do Banco por outro próspero emigrante galego, Vicente Ramos que entre outros negocios posuía os principais teatros porteños como o “Cómico”, o “Comedia” e o “Colón”. E precisamente nesta festa, marzo de 1906, é onde vemos reflectida a presenza de Matilde Bares na Arxentina. Unha reportaxe na revista “Caras y caretas” dan testemuña gráfica. Este sería a súa única viaxe a terras americanas. Seu irmá sería o que viría un par de veces máis por Bueu.


Na fotografía Manuel Antonio Bares é, dos que están de pé, o terceiro pola dereita. As dúas mulleres que están sentadas diante del son: a que ten vestido claro é a súa dona, Francisca Peralta de Ares de Parga  e a de vestido escuro é a súa irmá, Dona Matilde Bares.