26/12/16

Ao longo de moitos anos unha forma de asegurarse atención médica era pagando a “Iguala”. É dicir, unha cota mensual, trimestral ou anual a un médico ou practicante. Era unha especie de seguro que en Bueu, ao igual que en moitos sitios do país perdurou ata o último cuarto do século pasado e que desapareceu practicamente no ano 1989[1]; ano desde o que a asistencia sanitaria en España é universal e gratuíta.
O prezo estipulado polos servizos médicos o puña o facultativo, aínda que as veces consensuado cos posibles pacientes. No caso dunha cidade ou dunha vila con varios médicos, estes tiñan que pórse da cordo, a través dunhas normas, para evitar roces entre eles e para distribuír o número de pacientes.
Iso requiría asinar uns estatutos nos que o cadro médico tiña que asinar todos.
Aquí vou mostrar, a modo de exemplo, a Acta do acordado polos médicos de Bueu, Rogelio Val Barros, Ignacio Lis, José Mato Soto e Luís Prieto García, no mes de abril do ano 1925 que fixeron pública no Boletín do Colexio Médico (páx. 7-9) de xullo dese mesmo ano: 

Dicir ao respecto que coexisten hoxe en día no mundo da medicina, aínda que de forma residual, o réxime de igualas con outros seguros e as “cotas” da Seguridade Social.  


[1] A súa formulación lexislativa emana da Lei Xeral de Sanidade de 1986.

15/12/16


Inicio aquí una serie descontinua de entradas do blog que, ao longo dun tempo, fale de multas en distintos períodos da nosa historia. A desculpa son as multas, o relevante é o motivo das mesmas que nos axudarán un pouquiño a entrever comportamentos persoais e, sobre todo, preocupacións sociais ou institucionais.
‘Ameaza’ de multas do arcebispo aos curas de Bueu
Na visita, tal como o dispuña o “Ritual Romano e Canónicas disposicións”, do Ilmo. Sr. D. Caetano Gil Taboada, Arcebispo e Sr. de Santiago á Fábrica San Martiño de Bueu o 18 de xullo do ano 1747, sendo cura reitor desta D. Caetano de Barcenilla resolveu entre outras cousas os Mandatos:
Multa dun ducado: ao clérigo que non leve sotana, peliza e bonete nas funcións da igrexa. Extensiva a multa ao cura ou reitor da parroquia que o permita:
 Que este cura non admita a clérigo algún a funcións na súa igrexa sen que leve e se poña sotana, peliza e bonete, so pena ao clérigo que o fixese, e ao cura, ou prior que o disimulase, ou consentise,  a un ducado.
Multa dun ducado: ao clérigo que celebre a misa sen sotana:
 E baixo esta mesma pena ningún presbítero celebre o santo Sacrificio da Misa sen loba [sotana] ou, polo menos, sotanilla, que se comprará nesta igrexa dentro de dous meses a costa do Caudal da súa fábrica”
Como deben ir os curas vestidos ás romarías, feiras,...:
 Que así os presbíteros e ordenados de orde sacro como os de menores [subdiácono, exorcista, acólito, hostiario e lector] que gozan do foro eclesiástico non concorran ás romarías, feiras e máis funcións, e presentes públicas sen hábito honesto e correspondente ao seu estado, gola e colo ou, polo menos, con esta insignia para que sexan coñecidos e respectados como é debido”.
Os curas non poden facer exorcismos:
 Que ningún sacerdote secular poida exorcizar, nin facer escritores sen especial e expresa licencia nosa”.

4/12/16

Estamos a mediados do ano 1839 e presidía a alcaldía de Bueu Manuel González. Este recibe unha carta do Gobernador Civil, José Valladares na que lle transcribe a denuncia cun médico que exerce en Bueu, Mº José Puyol, fai doutro suposto médico-intruso, para que o investigue á vez que lle pide información do denunciante de se “é profesor aprobado de medicina ou ciruxía e se presentou a ese Concello o correspondente titulo que así o acredite”.
Desta noticia o alcalde tiña coñecemento pois o José Puyol xa llo denunciara verbalmente e por escrito.
O raro de todo isto é que ninguén se preocupara de, polo menos, investigar ao suposto infractor, Antonio Meira, xa que o acusaban de exercer a medicina no noso concello como “intruso na ciencia de curar” e do que se pedía cesara nas súas prácticas. Moi ao contrario “antes ben o Meira seguía con maiores excesos”.
 Transcrición da carta do gobernador ao alcalde de Bueu:
O que asina Licº Mº José Puyol, en papel de 4 do corrente, dime o que sigue: ‘Despois suplicado verbalmente por dúas veces á D. Manuel González Alcalde constitucional de Bueu e xurisdición mandase cesar nos seus excesos á Antonio Meira intruso na ciencia de curar e vendo que as referidas súplicas non producían o efecto que en xustiza era de esperar, antes ben o Meira seguía con maiores excesos: en 24 do anterior oficiei ao Sr. Alcalde cuxo oficio entreguei ao Secretario do Concello por estar aquel ausente para que con ará que me manifeste o canto lle connote ou poida indagar sobre o asunto, engadindo se o citado Puyol é profesor aprobado de medicina ou cirurxía e se presentou á ese Concello o correspondente título que así o acredite.
Deus gue. á V. mos as Pontevedra 29 de xullo de 1839

José Valladares’

20/11/16

Por se alguén non se decatou hoxe é 20 de novembro. Día sinalado por algúns no panorama político do pasado onde uns lembran a morte de Franco (1975), outros a de José Antonio (1936), outros a do político anarquista Buenaventura Durruti (1936), etc. e outros exixen que se aplique a Lei de la Memoria Histórica (Lei 52/2007).
Máis o que eu quero, sen esquecer o pasado, é resaltar neste aniversario outra cousas como é felicitar a Nacións Unidas xa que tal día como hoxe no 1959 se aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno. Parabéns asociados á reclamación dun seguimento máis firme para evitar a violación sistemática contra eses dereitos que, 57 anos despois, aínda se dan no mundo.
E no ámbito de Bueu parabéns para o noso concello xa que se cumpren 172 anos da pertenza da Illas de Ons ao territorio municipal. Tal día coma hoxe de 1844 por Real Orde aceptouse a solicitude do Marqués de Valadares propietario da Illa de Ons, pola súa dona, de que se segregasen do concello de Sanxenxo (ao que pertencían dende 1837) e se adscribise ao de Bueu esgrimindo entre outras razóns: “por ser o Continente máis próximo”. Estes mesmos razoamentos foran utilizadas para unilas ao concello de Sanxenxo 7 anos antes.
Tamén. e referido ao noso concello. un 20 de novembro de 1930 publicítase en Vida Gallega a constitución dunha sociedade recreativa en Bueu:
E xa postos a felicitar, facelo aos case que noventa nacidos neste día dende que Ons é buenense. Parabéns a todos! Dende Carmen Piñeiro E. (1844) pasando polo amigo Miguel (1954), Cesáreo (2010), etc.

11/11/16

Hoxe a Asociación Santos Reis organiza a súa XVII Mostra de Fotos Antigas co gallo da celebración das festas patronais do San Martiño. E xa van 17 anos ininterrompidos que se ven de mostrar o máis de medio millar das caras de Bueu dende hai máis dun século. Hai que agradecer o esforzo continuado dos membro da asociación e en especial do labor de J. Manuel Dopazo.
Ao longo do tempo o Círculo Náutico, Asociacións como As Lagoas, Amigos da Biblioteca,... ou fotógrafos profesionais fixeron, entre outras moitas actividades, exposicións de Fotografías. Pero agora quero lembrarlles unha moi especial, por moitos motivos, que se titulou 'Exposición de Fotografías da Vila de Bueu' (un 27 de agosto de 1978) que foi posíbel grazas á man entusiasta de José Antonio Agulla, Xaime Toxo, Afonso Fernández e Francisco Rodríguez Pastoriza. Celebrouse no exterior da Praza, ao “arredor da Fonte da Dorna”.
No xornal La voz de Galicia do día anterior anunciábase o evento así como as circunstancias da localización do mesmo nos seguintes termos:
BUEU: EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS DA VILA
Recolle cousas dende o comenzo do século hastra os nosos días
Mañán, despois das 11 da mañán, arredor da Fonte da Dorna, presentaráse unha escolma de fotos da nosa vila. O contido serán súas xentes, paisaxes e as súas cousas dende comenzos do século deica hoxe.
Froito da recolleita levada a cabo por un grupo de veciños, dun material que dende fai moitos anos agarimosamente gardaron unhas familias de Bueu.
Laiámonos, nembargantes, non poder mostrar máis ca un día, xa que o úneco local axeitado pra estas actividades, como é a Casa do Mar de Bueu, foi negado, disque por non ser iniciativa dos mariñeiros xubilados nin ter a mostrar nada que ver co mar, inda que en Bueu, non se conceibe ningunha manifestación cultural da nosa vila que non leve implícito o mar.


1/11/16

Pese ao título non vou a afondar na relación política, económica, social, etc. das fábricas e a igrexa. Relación que non estaría cinguida exclusivamente a un achegamento dos seus propietarios e a xerarquía relixiosa, como ‘poderes fácticos’, senón que este se complementaría co ‘poder real’ non só municipal, supramunicipal,... e así ata chegar ás instancias máis altas do estado.  
Vou centrar esta Entrada do blog en presentar algúns momentos no tempo, e no concello de Bueu, ao redor do traballar en domingo contravindo ou apelando ás excepcións das ordenanzas, as leis do estado e ata as leis da igrexa ( coa máxima:  respecta o día do Señor”) ou como di a Biblia no 3º Mandamento con “Santificarás as festas”: Acórdate do día de repouso para santificalo. Seis días traballarás, e farás toda a túa obra; mais o sétimo día é repouso para Jehová teu Deus; non fagas nel obra algunha,  ti, nin teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa criada, nin a túa besta, nin o teu estranxeiro que está dentro das túas portas” (Éxodo 20, 8-10).

ORDENANZA MUNICIPAL DE BUEU 1899
EXEMPLO DE SOLICITUDE PARA TRABALLAR NA FÁBRICA DE ALONSO de 8-12 h. NUN DOMINGO
Domingo 15 de maio de 1938
Que tratando de cumprir o Real Decreto-Lei do Descanso dominical pretende de acollerse ás excepcións do mesmo xa que “habéndoselle avariado dúas máquinas nestes días e tendo unha regular cantidade de latas de conservas sen pechar polo dito defecto, para evitar os prexuízos que dilo puidesen sobrevirlle”.
Para servirlle de aval presenta unha carta manuscrita do cura párroco que, entre outras, “considera o caso sen responsabilidade moral”:
“Trátase dun traballo de perentoria necesidade e danse garantías de tempo para que se poidan cumprir antes cos seus deberes relixiosos, e evitar calquera escándalo no pobo, a autoridade eclesiástica considera o caso sen responsabilidade moral.
Bueu, 14 de maio de 1938      Ano Triunfal!
Saúdo a Franco: Arriba España!
Ángel Rama Lestón
Párroco”
Con todos estes requisitos a Delegación Local do Consello de Traballo da o seu Permiso de excepción do descanso municipal
 
 

MISAS NAS FÁBRICAS DE MASSÓ
Nunha carta, 7 de febreiro de 1951, ao Arcebispo de Santiago, por parte do Xerente da Fábrica de Massó para solicitar unha recomendación ao Director do Instituto da Vivenda e que “se dera cumprimento ao mandato da falecida testadora Dna. Visitación Estrada Galup viúva de Herrerín, cuxos fondos en poder do Arcebispado por pesetas nominais débeda interior 4% 57.700,- máis os intereses acumulados” para axuda das obras emprendidas do Padroado San Xosé vemos que se inicia nos seguintes termos:
Fai xa anos que por ese arcebispado obtivemos a singular merced de poder celebrar a Santa Misa nas nosas fábricas de Bueu e Cangas (Pontevedra).- A pasada tempada de pesca foi tan anormal que obrigounos a traballar case todos os días festivos do verán.- En consecuencia, máis de 2.000 obreiros puideron beneficiarse da Santa Misa oficiada polos Sres Párrocos de Bueu, D. Ángel Rama Lestón e polo da Parroquia de Darbo en Cangas, D. Francisco Lariño, respectivamente.-
Como a Parroquial de Bueu está a un quilómetro distante do pobo e a Misa celébrase para a veciñanza nunha Capela [A Capela Vella] que se improvisou na Praia nun edificio vello e en malas condicións, con pequena capacidade para fieis, a circunstancia de reter aos obreiros na fábrica, aliviou considerablemente a conxestión de dita Capela.- Pero isto nin é frecuente en días festivos, nin resolve tampouco o problema fundamental do edificio apropiado e decoroso para esta Capela auxiliar para todo a numerosa veciñanza que vive na Praia, centro do Pobo”.