27/12/15


No ano 1925 falar da “Nova Fábrica” de Massó en Bueu é falar en realidade dunha grande e importante ampliación[1] que grazas aos materiais empregados e ás posibilidades estruturais dos mesmos permiten unha reestruturación espacial que da prioridade ao lugar de produción.
Polo dito podemos intuír a relevancia da estrutura metálica que permitiu unha arquitectura con grandes espazos en substitución dos voluminosos muros de carga orixinais que fixeron desta un elemento interesante a conservar dentro do noso Patrimonio Industrial.
Pero como moitas cousas na nosa contorna foron esvaecéndose por mor dos remuíños da política, da crise, do pensamento acultural, do ‘deixa que xa’...
 O que agora quero é facer unha lembranza dos “ferros da fábrica” ao través do primeiro presuposto[2] da Compañía Anónima Basconia para a construción e montaxe dos mesmos.

Datos finais tendo en conta o Plano de armadura e columnas para a fábrica:
Peso aproximado da estrutura: 91.000 kg.
Prezo do material pintado de minio: 81.445 pesetas
Montaxe: 9.100 pesetas
Tempo de construción en talleres: 12 semanas
Tempo de montaxe: 8 semanas
Prezo total da obra: 90.545 pesetas


Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitarme os dous documentos

[1] A primeira relevantes desde a construción da fábrica vella. A segunda ampliación foi unha segunda nave aínda maior que a primeira.
[2] O segundo presuposto, e definitivo,  rebaixa o número de semanas, de 35 a 20, para construción e montaxe.

13/12/15

Falar da Casa-Torre do Casal, ou Pazo do Casal, “dos Picos” ou da Graña é falar das antigas fidalguías baixomedievais na comarca do Morrazo.
Atribúeselle a súa fundación, no século XV, á familia dos Fernández Aldao cuxos descendentes serían propietarios do mesmo ata o ano 1914[1].
A estrutura da casa-pazo variou dende os seus inicios que foran coma “torre grande con troneiras e ameas e outros instrumentos para a súa defensa e un foso”. No mesmo documento[2] onde aparece a descrición anterior fala de que todo fora derrubado polos señores da Torre de Meira e Darbo.
Posteriormente foi levantada a estrutura principal, sobre a base do que fora a torre. A casa seguiu a sufrir modificacións ao longo do tempo: fundouse unha capela[3] agora integrada na casa principal, engadíuselle a ampla terraza que da ao poñente,...
Mais hoxe o que quero sinalar son algunhas notas acerca duns elementos actualmente  desaparecidos que aínda están na memoria dalgúns: As pontes que unían as dependencias superiores da casa coa estrada Bueu-Cangas e rampla que daba á mesma estrada.
En canto a unha Ponte de pedra:
  No 1883, Don Joaquin Aldao Sarmiento[4] demanda a Benito Quinteiro, mestre de cantería de

Meiro, para que devolva 40 pesetas que se lle anticipou por conta da pedra para a construción da Ponte de entrada na dita torre que tiña encargado o Sr. Aldao. Tamén lle pide que lle pague 2000 reais (500 pesetas) que lle costou ao Sr. Aldao o almorzo e xantar co que tivo que dar a 22 “labregos distinguidos” que levaron a pedra desde o monte Borrallido á casa Torre como á Benito Quinteiro e outro canteiro.
Reclámalle que retire a dita pedra por non reunir as condicións legais e moito menos as estipuladas, inútiles para a construción da devandita ponte.
Esta ponte pode referirse ao que hoxe é parte da terraza posterior e que no seu momento tiña unhas escalas que servían de entrada nobre ou principal desde a parte interior do circundado.
En canto a rampla de entrada á finca:
No 1929 o propietario Miguel Costas pide autorización, ao través da alcaldía, a Obras Públicas de Pontevedra para que lle sexa autorizado “construír unha rampla de acceso dende a súa casa do Casal, á estrada de Pontevedra a Cangas no seu quilómetro 19 hectómetro 7, marxe dereito”.
En canto ás Pontes de ladrillo e cemento:
Realizadas nos anos trinta do século pasado polo mestre albanel Baltasar Buceta. Eran dúas pontes ou pasos elevados feitos de ladrillo e cemento. Localízanse na fachada leste do edificio permitindo o paso, directamente, dende a estrada Pontevedra-Cangas ata o primeiro andar do pazo. Ambos elementos permaneceron operativos ata os anos setenta do século pasado.

Ponte –A: Con balaustrada de ferro forxado e estrutura algo abovedada. Chegaba a unha porta que había no lugar que agora ten a segunda ventá, comezando pola dereita. Accedíase ás dependencias principais da casa-torre.
Ponte –B: Con balaustrada de cemento. Situada na estrema esquerda da torre ameada, correspondéndose coa zona da actual última ventá. Daba a unha porta pola que se accedía a unha pequena estancia que tiña uns pasos de escala que permitían o acceso á tenda-comercio[5] que ocupaba o que fora no seu tempo capela.
Da parte dereita da balaustrada, xunto á porta de entrada, baixaban unhas escadas cara a finca.




[1] Foi da familia Aldao ata que o 18-1-1914 foi mercado por Miguel Costas Acuña, logo herdouna seu sobriño Jesús Fernández Gutierrez, tamén viviría nela Julia Fernández co seu fillo Xulio Formoso Fernández (músico, pintor, xornalista,... desde inicio dos anos cincuenta ata 1965 que marcharon para Venezuela),…e logo sería adquirido polo médico Manuel Otero García. Sinalar que tamén viviu, durante uns poucos anos (ata o 1972) a familia de Agustín Gutierrez.
Os usos do pazo foron fundamentalmente residenciais pero ao longo do tempo tamén complementouse con outros: no 1905 estaba alugado ao concello que o utilizou durante un período curto coma xulgado municipal; alugado como “casa rural” como no verán do 1925; tamén houbo tenda; no 1930 tiña un local a banda de música (pois lle retirara o que tiña o concello),...
[2] Dilixencias previas para a executoria de fidalguía de Jerónimo Fernández de Aldao (1670)
[3] Alonso González de Moaña levantou a capela no ano 1473.
[4] Tío-avó do ilustre escritor Victor Said Armesto (que pasaba tempadas nesta casa cós seus avós)
[5] Aberta a primeiros do mes de xaneiro de 1930 coma “comercio de viños e comestibles” e nalgún tempo o Sr. Miguel tamén despachaba “materiais de construcción” que almacenaba na finca do pazo. Os últimos que rexentaron esta tenda foi a familia de Ramón Blanco e Antonia Barreal.

01/12/15

Poida que moitos de vostedes nunca ouvisen falar de Darío Lameiro.
Darío Lameiro Sarachaga (1849-1928) era un empresario vigués que tivo tamén dúas fábricas-almacén de salga na praia de Beluso -finais do s. XIX e primeiros anos do s. XX-, outra en Balea (Cangas),...[1]
Certo día, a mediados do mes de xuño do ano 1900 recibiu unha carta anónima que lle esixía 25.000 pesetas a cambio de non “queimarlle as entrañas logo de queimarlle as fábricas”. A cantidade debía depositala ao pé dun grande pino que había preto do camiño (hoxe estrada) que vai de Bueu a Beluso.
Avisada a Garda Civil esta aconselloulle seguir as instrucións da nota pero non sen antes apostarse catro gardas civís en distintos puntos para vixiar a recollida da caixa cós cartos. Efectivamente, foi sorprendido “in fraganti” o suposto extorsionador. Que veu sendo un pai de familia –tiña catro fillos-, veciño de Bueu que, desesperado polas penurias familiares, levouno a maquinar tal delito.  
O Sr. Lameiro coñecendo as circunstancias que condicionaban ao autor deste malfeito quixo perdoarlle e que foxe liberado pero a Garda Civil non o consentiu e o puxo a disposición do xuíz municipal de Cangas.


[1] Mercara a casa-salga en Beluso da familia Roura para venderlla aos Prieto e logo tamén era propietario da fábrica de salga na Roiba.