22/08/15

Hoxe e mañá están a celebrarse as na Illa de Ons as festas na honra de San Xoaquín. Vou a pór o cartel anunciador das mesmas para facilitar ao que desexe achegarse ata a illa este fin de semana o faga coñecendo algunhas das actividades que se realizaran nestas festas 2015.
O domingo, día 23 hai unha misa cantada pola Coral Polifónica de Beluso e  procesión ao peirao.

A raíz disto que lembrar que noutros tempos, anos trinta do século pasado, a procesión tamén era marítima.  Constancia gráfica disto o temos, da man do fotógrafo Ocaña, na hemeroteca de El Pueblo Gallego do venres 22 de agosto de 1930 na súa páxina 8.

13/08/15


A Sociedade de Agricultores de Beluso solicitou a o Patronato das Misíons Pedagóxicas unha Biblioteca no ano 1935. 
Para que sexa informado polo concellos a Inspección de 1ª Ensinaza solicita un informe á Xunta Local de Educación de Bueu. Esta informa favorablemente “fundándose en que concedéndolle a dita Biblioteca poderá difundir a cultura entre os seus asociados e servirá para levar o mellor termo moitos dos actos culturais que nela se organizan”. 

04/08/15

As festas dos mozos[1] de Bueu non foron patrimonio das nosas parroquias xa que noutras da contorna tamén víñanse a celebrar e ata perduraron máis no tempo. A data exacta do inicio da Festa dos Mozos en Bueu non consta documentalmente pero si pode dicirse que foi entre 1888 e 1895 cando se puxeron de acordo, para tratar de unir ás súas mocidades, os curas de Bueu e Beluso, D. Cándido Alvarellos Arjomil[2] e José Antonio Ferro Baliño[3].
Por sorte, para documentar estas autorías quedounos un artigo de Luís Dueñas no diario pontevedrés La Correspondencia Gallega  no setembro do 1905 que a continuación transcribo:         
“A festa dos mozos”
“Así se chama a que, a inspiracións dos Curas párrocos de Bueu e Beluso, Sres. Alvarellos, de grata memoria, e Ferro, de xerais simpatías, fundouse hai algúns anos nestas parroquias, e que agora, despois dunha curta, inxustificada interrupción, volve celebrarse nesta vila, con maior animación e entusiasmo, grazas á actividade dos mozos solteiros, á cooperación do Liceo de Artesáns, e á subscrición popular, xenerosamente apoiada por estes veciños.
Estas festas de Xullo, como o dixo La Correspondencia Galega, foron fermosas manifestacións de entusiasmo popular e social, con esfumados perfís, de movemento relixioso, a animación non decaeu un momento durante o tres días; e de todos os números do festival, como se dicía antigamente, foi admirablemente cumprido o das regatas marítimas, sorprendente espectáculo, que deixará indeleble recordo e grata memoria neste país. Eu que afago probar coa infalible estatística do número, tomei ao oído a cifra de catro mil pesetas,  que se gastaron nestas festas, é dicir; tanto como en Vigo e Pontevedra nas do Cristo ou da Peregrina.
 Podemos asegurar, e desde logo predicímolo, que a mocidade e o Liceo de Artesáns de Bueu sinalarán con pedra branca, como fausto acontecemento, este ensaio de rexeneración no fermoso chan que encerran e dominan os montes de Udra, A Esculca e Liboreiro.



[1] Esclarecedor, documentado, complementario e imprescindíbel para entender estas festas é o artigo “As festas dos mozos na parroquia de Bueu” de Xosé Manuel Cerviño Meira na revista Pontenova nº 3, páxinas 11-20, editada pola Deputación de Pontevedra no 1998.
[2] De 1884 ata decembro de 1896.  O 14-4-1988 foi nomeado alcipreste interino do partido do Morrazo. No 1896 marcha para Betanzos. O motivo do seu concurso para outra parroquia foi o forte enfrontamento cós mozos da parroquia pola organización da festa da xuventude. A división no pobo foi moi grande que se viu reflectida na petición ao Arcebispo, por parte do concello, para que non o trasladara.
[3] Natural de Cesures. Estivo en Beluso do 1-6-1888 ata o seu falecemento, o 17-1-1917.