01/07/15

Biblioteca Popular III

A Biblioteca Popular de Bueu dende aquel 7 de outubro do 1927 que comezou a súa andaina nos baixos do concello recibiu, sobre todo nos primeiros anos, grandes aportacións de material bibliográfico, e doutro tipo, de persoas “desexosas de fomentar o poderoso medio da cultura que as Bibliotecas populares representan” para un achegamento desta ao pobo.

Aos cincocentos volumes iniciais logo sumáronselle moitos máis da man de donantes como Manuel A. Bares[1] e Erasmo Buceta… aos que habería que engadirlles algúns máis entre os que destacan os mestres Higinio Pérez García que doou máis de 150 libros (Unha enormidade para a época!) ou José Monje Otero; José Martínez Pastoriza[2], Sofía Gómez Buceta[3], Julia Adelaida Carrillo[4], Rafael Areses[5], tamén a familia Massó da man de Gaspar Massó García que amén dunha “máquina de contar… doa mesa e cadeira para ela”, dun Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano[6] e doa tamén un “rótulo de azulexo, orixinal de Manises, cun coste de 240 ptas, sen portes, que se destina á Biblioteca Popular” que aínda figura no lateral do concello.
  Ante a gran demanda para utilizar a biblioteca por parte das xentes de Bueu  o alcalde en 1929 era aínda Camilo Davila presenta o nove de setembro dese mesmo ano a necesidade de crear un posto fixo para a Biblioteca Popular. Pero non será ata a sesión do 23 de febreiro de 1931, baixo a presidencia de Perfecto García Nogueira, cando se decida contratar como encargada de todos os servicios da biblioteca a Sofía Gómez Buceta por 2,50 ptas de xornal (pagaranlle por trimestre). Sofía sería a única bibliotecaria que tería a Biblioteca Popular xa que coa súa xubilación non se cobriría esa praza.


[1] Dos seus libros: Delenda est Germania!, “La nación española y el nacionalismo vasco” e unha subscrición á revista arxentina “El hogar”.
[2] Un exemplar da novela “El triunfo de la vida”
[3] Un exemplar de “La hermana San Sulpicio”
[4] Tres tomos de “La vie des animaus”
[5] Seis folletos escritos por el de “Los incendios en los montes públicos”
[6] E por coincidir o día da inauguración coa Festa do Libro doa 4º exemplares da obra “El alma de Cervantes” para distribuír entre as escolas do concello para que premien ao alumnado máis aplicado.

Ningún comentario: