28/06/15

Moitos de vostedes estrañaranse do titular pero está documentado que no lugar de Petís celebráronse verbenas ao longo de moitos anos na honra do seu patrón, San Pedro. Isto está constatado no primeiro cuarto do século XX.
Transcrición dunha desas noticias...
El pueblo gallego_14_06_1925 páx. 13
La verbena de Petis.- Promete sobreponerse a la de todos los años, esta tradicional y sin par verbena, a juzgar por el entusiasmo existente por parte de la comisión encargada de la organización de la misma, así como también el decidido apoyo de aquel simpático vecindario.
Oportunamente daremos a conocer el programa completo de las fiestas que en honor de su Patrono, San Pedro celebrará el barrio de Petis”

Como xa citei na entrada do 23 de xuño do 2013 titulado “San Xoán en Bueu fai 100 anos” no barrio de Petís, “diante da fábrica de don Juan Tapias [donde están actualmente los pisos de Alonso en Pescadoira], houbo, como todos os anos, verbena con fogos artificiais e baile...”
Contrastando estas e outras informacións ao respecto non é moi erróneo pensar que a noticia de San Pedro coma Patrono de Petís é un “lapsus” do correspondente do xornal. E o que si é certo que durante un tempo houbo verbena en Pescadoira que tiña a súa orixe e ata no ser costeada na súa máis grande parte polo industrial conserveiro anteriormente citado, Juan Tapias, que así viña a celebrar o seu santo[1] e que, por inercia, esta perdurou unha década máis nos días das “fogueiras”.




[1] Ata un deses anos chegou a doar “unha das lanchas grandes do arte, que a pesares de ter anos, aínda serviría para traballar”. Tapias morreu en Pescadoira o 16 de novembro do 1919

20/06/15

Con esta entrada vou rematar coa documentación do Corpus no Bueu do 1937 por que así complementa ás dúas de anos anteriores por estas datas. Non vou abondar moito na descrición xa que a teño publicada. Agora amosar o documento que o cura de Bueu, Don Ángel Rama Lestón, elaborara para organizar a procesión.
              Nota: A letra está refeita co mesma cor para a súa mellor lectura.

13/06/15


O 26 de agosto de 1938 sae no xornal La Vanguardia a cuarta e última entrega do artigo “Relato veraz de la realidad de Galicia” no que a pintora Maruja Mallo[1]unha artista ilustre, unha muller de orixinal sensibilidade, revela así a traxedia da súa patria”.
Entre dos asasinados ou perseguidos polos falanxistas, militares, carlistas,…fala de tres persoas de Bueu nos seguintes termos:

       “Falarei daqueles que coñecín persoalmente, xa que o número de vítimas é incalculable.
        Juan Caballeira, alcalde de Bueu desde o triunfo da Fronte Popular, detido con dezaoito máis, foi conducido á illa de San Simón. Cando foron a buscalo, a Falanxe aseguroulle: "Sabemos que non fixo nada que é vostede un cabaleiro". "Eu non son un cabaleiro, son un home", contestoulles. O delito que cometera foi conseguir que o cesto mínimo da cesta de sardiñas fóra de 15 pesetas, e facer a defensa da cultura e dos traballadores galegos en "El Pueblo Gallego" (diario de Vigo). Na illa de San Simón, cando o cárcere está repleta, atan os corpos dos presos de cinco en cinco e arróxanos ao mar. Alí[2], no lazareto, quitáronlle a vida a Caballeira, gran xornalista, home sen tacha e de valor probado.
        Didio Riobó, propietario da illa de Ons, situada preto das illas de Cíes, perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu.
[...] José da Torre, secretario do Partido Comunista de Bueu; a última vez que o atopamos díxonos: "Eu non fuxirei ás montañas. Eu quero a vitoria ou o cemiterio. O triunfo será noso". Uns días máis tarde era conducido ao Concello de Bueu para encarceralo. Cando foron a buscalo cinco falanxistas armados con cristos e pistolas, gritáronlle: "Covarde, es ti o que onte proclamabas a liberdade?". "Dádeme un fusil e veredes se son valente", contestou. Como se negou a saír de alí porque sabía onde levábano, abalanzouse sobre un dos falanxistas e cos dentes lle desgarrou media cara. Os falanxistas asestáronlle dezasete puñaladas e arroxárono á rúa por un balcón dun Concello. Así lle arrincaron a vida a J. da Torre, carpinteiro, construtor de barcas e bo mariñeiro.”


[1] Teño que confesar que ata o ano 1979 apenas oíra falar de Maruja Mallo. Dela faloume un amigo que atopei en Barcelona cando estaba cunha excursión do colexio de Legazpi. Tamén comentoume uns artigos desta pintora relacionados con xentes da miña zona. E ante a miña curiosidade envioume un mes despois a transcrición dos mesmos. Máis de trinta anos despois aparecían no Faro de Vigo dous magníficos artigos do xornalista bueuense Salvador Rodríguez. Un deles titulado “Maruja Mallo, testigo de cargo” “rescataba” o mesmo texto que anos atrás recibira de Cataluña. Sempre tiven gañas de dalo a coñecer aos meus alumnos. Máis non atopaba ocasión propicia e cando a atopaba sempre había “algo” que podería desfigurar a mensaxe e volvía a quedar no tinteiro. Agora dous meses despois de cando lle puxera data de publicación sae case que tal cal a noticia.
[2] Aínda que é certo que estivo en San Simón, foi fusilado en Pontevedra.