13/04/15

 
No xornal “Las Dominicales del libre pensamiento” publica unha “Curiosa conversación” o día 3/7/1903 na súa páx. 2 que polo de Curiosa imos transcibir:
“Un republicano manda á La Lucha  de Vigo este relato  da conversación mantida á porta da igrexa de Santa María de Cela, e que seica ouviu.
Falan un músico e dous mordomos da función do Corpus, e preséntase un estudante irmán dun cura, dicindo:
-Boas noites, señores. Parece que están vostedes falando da República.
Músico.- Si señor.
Estudante.-Alegraríame ouvir falar das ideas republicanas, e sinto non estar no mitin celebrado o outro día.
Músico.- Seguramente que non lle gustaría a vostede o que alí se dixo.
Estudante.- Entón vostede cre que para nós é mala a República. A nós gustaríanos moito esa forma de goberno; pero antes de que iso sexa, teña vostede presente que correrá moito sangue, e aínda así non se conseguirá.
Músico.- Quen sabe se se establecerá sen que se derrame nin unha pinga de sangue.
Estudante.-Non sexa vostede parvo, home. Se vostede non sabe aínda que quere dicir República.
Músico.- Non señor, non sei; pero polo que ouvín aos oradores que falaron no mitin, España podería adiantar moito dedicando a servizos verdadeiramente útiles e necesarios os miles de pesos que se gastan na Igrexa e o clero.
(Neste momento asusteime ao ver un vulto negro que se achegaba á reunión. Era o cura, que chegou feito unha fera e comezou a insultar ao músico chamándolle parvo, animaliño e outras cousas que non debían ser pronunciados por un sacerdote).
Devandito presbítero falaba con tal coraxe e en voz alta, que chamou a atención das persoas que había nas tabernas. Aquel, ao ver que se formou un grupo regular, dixo dirixíndose ao músico:
Cura.- Vaia, que non é vostede capaz de dicir Viva a República!
Músico.- Non señor, porque non estou a propósito, pero se fora noutro lugar o diría cen veces.
Cura.- Cale vostede torpe, que está a enganar aos meus fregueses. Amigos meus, non vos deixedes enganar, que está aquí dicindo que o clero ten a culpa do atraso de España, cando o clero non saca nada do Estado (se quería vostede que sacase máis!) Cobra só o que é seu, e aínda non lle pagan. Está o párroco de Cela gañando catro mil reais anuais, que non é nada.
- Xa lle direi eu ao señor cura de Bueu que vostede non ten relixión, que é un ateo, un herexe e un home animal sen alma.

-E vostede, debeu replicarlle o músico – non debera andar entre persoas.

01/04/15

No ano 1885 o alcalde do concello de Bueu, Jaime Bolíbar, encargou a D. Jenaro de la Fuente y Domínguez[1] un Proxecto[2] para o abastecemento de augas para o núcleo da vila. A xustificación do mesmo ven dada pola infradotación deste prezado líquido que ven a padecer este pobo xa que nese momento non posúe máis auga potábel que a subministrada por “un pequeno caudal que case que desaparece durante a estiaxe e está situado entre unhas rochas do lado Oeste da costa moi afastado, polo tanto, do núcleo de poboación por onde o aproveitamento faixe moi difícil e imposíbel durante as horas de preamar. Como consecuencia de tan deficiente situación os veciños teñen a necesidade de acudir a algún que outro propietario dun pequeno manancial ou pozo...

Do manancial atopado “no extremo recto do camiño de entrada á Vila que forma unha verdadeira e ben aliñada rúa e que haxa necesidade de percorrer para ir á igrexa”. Fala da rúa Canibelos onde a poucos metros do actual Ramal dos Galos estaba a “Boca da mina”. Proxecta a ampliación e perforación da mesma nuns 100 metros (de 0,70 x 1,20 m.) cunha estimación de aproveitamento dun caudal de 1.028,57 l/h. Onde a lonxitude da canalización sería de 341,5 metros e o importe de toda a obra ascendería a  8.160 pesetas.
Na memoria da obra xógase co número de habitantes de Bueu (1620 h.), dos veciños afectados (697) e poboación residente na praia (127) para facerlles corresponder aos futuros usuarios a 32 litros/persoa. Para o cal á veciñanza da praia abasteceríase dunha monumental fonte proxectada na rúa Montero Ríos fronte á Eduado Vincenti (Preto da actual Praza de Abastos) que se elevaría “nunha especie de praciña  ou explanada” .
Dita fonte non se fixo nunca e a obra tardou anos en ser de novo licitada.


[1] D. Jenaro de la Fuente y Domínguez (1851-1922), valisoletano que exerceu como “mestre de obras” nunha grande cantidade de proxectos que se realizaron na súa época na capital olívica e en concellos limítrofes. Foi Director Facultativo da Obras municipais de Vigo así como profesor de debuxo, etc.
No debemos confundilo co seu fillo, Jenaro de la Fuente y Álvarez, arquitecto que construíu o estadio de Balaídos.
[2] Logo ratificado polo arquitecto Antonio Crespo.