25/01/15

Non é de estrañar que algún amigo me dixera: “Miña nai gustaba de ler moito. Con 95 anos “devoraba” un libro tras outro. Onde comezou a ler así foi, cando nena, grazas á recen inaugurada Biblioteca Popular”. E esa non foi unha excepción varios amigos, todos eles nonaxenarios, comentáronme experiencias similares.
No cabe dúbida de que a Biblioteca popular foi un revulsivo importante para a cultura bueuense sobre todo en épocas onde o acceso a un libro estaba vedado para as clases máis desfavorecidas, que eran maioría.
Sendo alcalde Camilo Davila Davila prantexase a necesidade da creación dunha Biblioteca Popular (4-10-1926) e se lle asigna oco para a mesma: No baixo do concello. Para facilitar os trámites, ao estar alugado o local, nunha sesión ordinaria do Pleno Municipal (1-12-1926) requírese ao inquilino “D. Domingo Tomé González para que o trinta e un días do decembro actual deixe a disposición do Concello a estancia baixa da Casa Consistorial”.
E será o día 7-10-1927 cando o alcalde promotor da mesma inaugure oficialmente a primeira Biblioteca de Bueu. Primeira, primeira,… quizais non[1]. Á inauguración asistiron todos os nenos e nenas das escolas nacionais e do Pósito de Pescadores que “admiraron contentísimos  a sección infantil, na que figuran numerosos tomos de contos artisticamente ilustrados...”. Comezou cun catálogo de máis de 500 volumes.


[1] Como xa saberedes pola entrada no blog do 15 de outubro de 2012, en xuño do 1889 foi adxudicada unha Biblioteca popular á Escola Pública de Bueu onde os libros adxudicados foron repartidos entre as escolas que nese momento existían en Bueu

01/01/15


Puido ser pero quedou en…
No ano 1966 fixéronse os trámites para montar unha Cooperativa para a fabricación de monecas a raíz dun curso do Programa Profesional Obreira (P.P.O.) sobre monequería.
O curso, impartido polos monitores do P.P.O, Mª Dolores Cordobés e Natividade de Miguel, durou 3 meses. As alumnas foron 18 mulleres entre as que se atopaban dúas monxas, unha a Superiora do colexio Nosa Señora de Fátima de Bueu, e a segunda unha Irmá do colexio da Inmaculada de Marín.
Segundo os xornais da época “O resultado non puido ser máis esperanzador, xa que como consecuencia vaise formar unha Cooperativa para traballar unidos todos os cursillistas. Quizais sexa a primeira cooperativa de España nesta modalidade”.
Dado o éxito conseguido nese curso dende o concello pedíronse máis: un de mecánicos reparadores, outro de auxiliares administrativos “femininos” e de electricistas industriais.
Pero que foi da Cooperativa?  Fume...como en tantos proxectos sobre todo no mundo asociativo.