26/9/14

En xuño de 1888 o ministerio de Fomento inclúe no Plan Xeral a construción dun ferrocarril de vía estreita que partindo do porto de Bueu remate en Cangas do Morrazo.
Se nos remontamos ao ano 1904 algúns xornais coma “La Correspondencia Gallega“ (Diario de Pontevedra do 2-12-1904) fanse eco dos intereses para o pobo galego e, entre, eles está a do Ferrocarril para o “desenvolvemento de canto coa agricultura, o comercio á industria se refire”. Tanto é así que da fe dos proxectos dos ferrocarrís secundarios que deberían construírse en Galicia citando unha a unha ás comarcas nas que deberían levarse a acabo.
Case todos os proxectos quedan no esquecemento pero no ano 1946 atopámonos cun Concurso para dotar a Bueu dun Despacho Auxiliar de “encargos e mercadorías en grande e pequena velocidade entre a estación de Pontevedra” e Bueu.

E posteriormente nos anos cincuenta do século pasado aínda estaban polo labor os concellos afectados. Tal é o caso que xa no xuño do 1951 o concello de Bueu toma un acordo unánime a favor do proxecto:

No ano 1953 segue o liderado do concello de Cangas, na busca de solucións políticas, que segue a ser amparado polos alcaldes dos concellos limítrofes.

Ao final, como se pode constatar, só chegou a construírse decenios despois a liña de tren Pontevedra-Porto de Marín que sería inaugurada o 10 de xuño de 2002.

13/9/14


A Praia de Bueu, areal precioso dun quilómetro de longo sucado por máis de tres regatos que como veas aportaban os elementos necesarios para que os bivalvos fosen abondosos e que algunhas anguías e troitas aventúrense ata o Canudo e o río Portela. Tamén contan que ata reos, outros din que troitas “arreadas”, andasen preto da Finca do Cura.
Isto ocorría ata principios do s. XX pois a praia era utilizada sobre todo para botar a arte, descargar o peixe, secar as redes e subir os barcos. Pero había unha demanda entre os comerciantes que tiñan que ir a outros portos, Marín fundamentalmente, a descargar mercadorías.
Sendo alcalde Agustín Gelpí Serra concedéuselle a Bueu o solicitado ao goberno polo grupo de fomentadores da salga: poder habilitar a Praia para o embarque e desembarque de produtos do país. Esto foi resolto co Real decreto do 22 de agosto de 1872 e publicado no Parte Oficial da cancelaría do ministerio de Estado o día 28.
Dado que Bueu non tiña porto, foi un fito importante para o pobo pois aínda que había as limitacións de necesitar autorización da aduana de Marín, xa recaía a responsabilidade de vixilancia e control no posto de carabineiros de Bueu.

1/9/14


Aló polo agosto do ano 1900, o coadxutor de Bueu, D. Manuel Carreiro Martínez é denunciado polo tamén cura ecónomo de Sta María de Tourón D. Zoilo Poza Lueiro para que lle pague a débeda de 8.018 reais equivalentes a 2.004,5 pesetas (hoxe uns 12,04 €) que había contraído cando era coadxutor de Mourente.
Os cartos débense por préstamos e pagos que facilitou D. Zoilo ao coadxutor de Bueu. Laméntase o señor Zoilo, que sendo os dous curas teña que acudir ao xulgado e que o fai pola “resistencia pasiva” de D. Manuel Carreiro.  
O curioso é que o coadxutor di que non son certos os feitos e que non lle debe nada a dito demandante.

O representante legal de D. Zoilo, que en todo momento quería solucionar o caso de xeito amigábel, ante estes feitos desprega unha longa batería de preguntas onde expón con todo luxo de detalles, nomes, lugares, motivos, cantidades, todos os préstamos e o porque dos mesmos (case sempre por dificultades económicas da familia do coadxutor o por herdanzas). Incluso mencionou que, de non habelo axudado, este afogado polas débedas íase marchar para América e que grazas á axuda, como cura e amigo, puidera facer fronte a case que todos os pagos.
Non sabemos cal era a cara que puña o coadxutor mais si que se afirmou nas súas primeiras palabras de que non tiña débeda ningunha co demandante.
O resultado do xuízo posterior a esta avinza descoñecémola…  Amiguiños, si, pero a vaquiña polo que vale