27/07/14


Alá polo ano 1914, pouco antes de rematar a súa terceira lexislatura como alcalde de Bueu, o moitas veces polémico, Don Miguel Nogueira Fraguas, sufriu un “atentado”, ou mellor cualificalo de “agresión”, por parte dunha veciña, con resultado de feridas.
Os motivos de tal ataque nunca foron explicitamente publicados…
Pouco tempo despois a Garda Civil de Cangas atendendo o reclamo do xulgado de Bueu procedeu á busca e posterior detención, coma “presunta agresora” da veciña Mercedes Pérez Regueira. 
Esta noticia é recollida de forma moi somera polos xornais Diario de Pontevedra (8-5-1014 p.2) e El Correo de Galicia (9-5-1014 p.2).


10/07/14



Estes días está a ser noticia en todos os medios de comunicación o asalto con lesións e roubo ao cura de Esgos. A coincidencia non é máis que iso xa que esta segunda entrega de bandidos[1]ou bandoleiros no noso concello[2] leva programada para estas datas máis dun ano.

Dende finais do s. XVIII e primeira metade do s. XIX constátase un aumento do número de pequenas bandas de delincuentes que actúan en zonas máis ou menos amplas realizando asaltos coa, finalidade de roubar, pero que moitas das veces acaban con mortes.
Non hai documentación procesual que incrimine a individuos das nosas parroquias[3] coma pertencentes neses grupos aínda que non hai que descartar que houbera certa complicidade dalgúns elementos tanto para sinalar obxectivos coma para facilitar o atraco non poñendo dificultades ou mesmo non acudir ante a alarma ou petición de auxilio por parte dos prexudicados. Isto parece ser que foi o que ocorreu ao finais do xullo de 1817 cando un grupo de sete homes comandados por Fernando Serén, desprazáronse nun barco[4], dende Portonovo ata a praia de Beluso co propósito de achegarse pola noite ata a casa do abade de Bueu (1806-1821) D. José Benito Pazos de Provén. O cura e familiares daban berros para que acudiran os veciños con axuda pero o silencio era total e, como el mesmo constata na súa declaración[5], negáronse a socorrelo.

O párroco non só o tivo que pasar moi mal polo feito de ser aldraxado, roubado,... ou abandonado polos seus fregueses, senón que o temor a ser asasinado era real como uns anos atrás lle ocorrera ao cura de Aldán a mans da banda de Benito Fontenla.



[1] A primeira era: “Bueu: bandidos no monte Borrallido” do 1/5/2013 que pode verse no seguinte enlace http://acidras.blogspot.com.es/2013/05/bandidos-no-monte-borrallido.html
[2] Beatriz López Morán estudou a actividade bandoleira na Galicia e que publicou, entre outros, no libro “El bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX” A Coruña: Ediciós do Castro, 1995
[3] Como excepción estaban a banda de Juan Manuel Varela “O Tuno” e facción, en Cangas do Morrazo” de Benito Fontenla.
[4] Probablemente contratado para tal fin.
[5] Causas 108/1 no Arquivo do Reino de Galicia

01/07/14



No xornal La Gaceta de Galicia do 07-07-1879 primeiro e logo en El Gallego de Bós Aires (22-07-1879) reproducen o texto do discurso “Galicia en la Independencia española”  lido por D. Bernardo Barreiro V. no Centro Gallego de Bós Aires, o 8 de xuño de 1879, co gallo do 70 aniversario de batalla de Pontesampaio.
Como é de supoñer todo un discurso patriótico ante un público entregado…
Que a igrexa estaba moi preocupada no 1809 pola perda do seu status era algo que se reflectía en moitas das accións de abades e curas como aglutinantes de milicias populares contra o francés, ou concorrendo con donativos ou “á la puerta de todos los templos se colocaron  mesas peticionarias que, como altares de la pátria recojian el dinero y otras ofrendas del pueblo”. E no mesmo discurso continúa narrando que como donos que eran da illa de Ons El Cabildo de Santiago hizo construir casas y un fuerte para su defensa en la isla de Ons, y puso a salvo allí sus riquezas y el Archivo de Galicia”.