24/05/14



O día 11-6-1810, entre 5-6 da tarde, na casa do Priorato de Ermelo estaban o escribán Juan Antonio de Ribas. Levantaba actas da recadación de rendas a petición P. Fr. Agustín García Hevia, prior do mosteiro e representante do abade de Poio, “administrador de las rentas del valle del Morrazo,  jurisdición de Cangas, Coto de Meyra, Aldan, Bon (sic) – Bueu- y Villar”.

A continuación este escribán describe como entraban no mosteiro “dentro del zaguán y patio della... un instrumento tropel de homes armados con escopeta, fusiles, ozes, chuzos y palos, , que por el bulto que hacían y estar en las calles del Pueblo llenos de ellos, se veía a juizio prudente como dos cientos hombres poco mas o menos, con la depravada intención, segun lo manifestaron por sus hechos posteriores, de sorprender la casa, arrancarme de mano maior la Provisión, ultrajarnos, robarnos, y llenarnos de oprobio, y vituperios, pues sin dar lugar abrir las puertas cerradas...
O que escriban segue a describir o motín, tamén poñendo unha morea de cualificativos subxectivos ás intencións dos amotinados recalcando sobre todo na idea última: “el recibo de pago, que era el IMAN de sus pérfidas maquinaciones” .
Constata tamén, para “que a los tales sirva de castigo y a otros de freno a los sucesivo a contener semejantes desordenes” os nomes dos cabecillas da revolta: “Ventura Gonzalez de oficio Sastre, Antonio Marco, Domingo Guimaran, Francisco Souto, Francisco Gallego, Domingo Villar, Martin Pereira, Miliciano cumprido, veciño da freguesia de S. Martiño de  Bueu e do Lugar de Meyro...” e ata do encargado de tocar a “trompeta o bucina” para a xuntanza previa aos feitos.
Segundo o mesmo Juan Antonio de Ribas, resistiuse a entregarlles as Reais Comisións e ase mesmo avisoulles das fatais consecuencias ás que se expoñían. Ao que eles mesmos lle solicitaron que suspendese todo o procedemento de cobrar a renda, pois a xente, por quen o facían, estaba amotinada, sublevada e decidida coas armas a non pagar  renda algunha, para iso querían recibos asinados como pagadas e así sería ata que houbese Rei, pois entendían que non o había, nin sabían por onde andaba, con quen estaba...
Ao que o escribán lle fíxoas máis “serias y adecuadas reflexiones asegurandoles que Nuestro Monarca era Fernando VII a quien habiamos reconocido y jurado...”.
Ante o cariz que ían tomando os acontecementos o escribán di que tentou convencelos de que pagaran aínda que fora a metade “para subvenir no solo el preciso sustento de los Monges, sino también de la Contribución Patriótica”. Actitude e palabras que conseguiron dividir aos sublevados que  lograron, polo menos, suspender o acto de recadación e que evitaron que chegaran a ocorrer cousas peores.
  
Nota: A fonte onde transcribiuse o texto orixinal do cartapacio da Sección Clérigo do Arquivo Nacional pode verse íntegra no Libro “San Xoán de Poio” de Sergio Vázquez Rouco páx. 120-121 ou comunicándomo neste enlace e lle darei resposta o antes posible.

11/05/14

No primeiro mes do ano 1914 comezaba o seu terceiro mandato (non consecutivo) como alcalde o veciño de Cela D. José Rodríguez Estévez. Dentro das ideas que posuía para esa lexislatura estaba a de promover o pobo de Bueu. Non só en España senón que o faría en todo  o mundo e para iso aproveitaría a International Tourism Exhibition in London  que se celebraría ese ano.
A forma de promoción acordada sería amosar a beleza natural deste pobo: a súa paisaxe, o seu mar,... polo que se puxo en contacto co fotógrafo señor Pintos para encargarlle unha serie de postais.
Probablemente as fotografía se fixeron máis non temos constancia de se chegaron ou non a ser enviadas pois, como de todos é coñecido, unha serie de acontecementos provocaron que a finais de xullo dera comezo a I Guerra Mundial e cambiara o rumbo e interese de moitos países, entre eles o noso.

01/05/14

O domingo pasado nunha documentada e clarificadora charla o principal ponente, o compañeiro Xosé Álvarez Castro[1], lembroume[2] unha entrada que hai anos tiña preparada para cando lle “cadrara”. Desempoeina e con uns pequenos retoques a poño a continuación....

Nos aciagos días, a partires da segunda metade do ano 1936, moitos mestres sufriron nas súas carnes os avatares dos acontecementos e das políticas dun país en loita. Foi, sen dúbida, o colectivo máis castigado. Para a tese doutoral “La Depuración del Magisterio Nacional” o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Francisco Morente Valero,  fixo un reconto de máis de 60.000 mestres depurados.
Moitos foron fusilados ou encarcerados e os que non, case que todos, estiveron na obriga de abandonar os seus cargos para, previa presentación de informes favorables do alcalde, do cura, da Garda Civil, etc.,  someterse a unha comisión á que tiñan que convencer da súa afección á nova orde.
En Bueu ocorreu o mesmo que no resto da provincia e do estado. Os nomes que saíron publicados nos xornais “Por el porvenir de la patria” e suspendidos de emprego por orden do Gobernador Civil, Ricardo Macarrón:
  • Telmo Bernárdez Gómez, mestre do Pósito de Bueu. Foi encarcerado “preventivamente” no Cuartel de San Fernando (Pontevedra) e pasa catro anos de cárcere en cárcere (Ponte Caldelas, San Simón, Figueirido, San Cristóbal de Pamplona, de novo San Simón). No 1947 chega como exiliado a México.
  • Teresa López González (7-2-1880/+17-5-1943), mestra da escola de Bueu nº 1 dende 1930 ao 1936. No 1931 ascende de categoría e soldo como mestra. Depurada do 1936-1942. Foi rapada durante a guerra acusada de ser de "esquerdas". Tamén serviu de escusa para facer cunha rúa (hoxe Johan Carballeira) atravesara a súa propiedade.
  • Leopoldina Gómez, mestra da escola de Bon-Beluso   
  • José Hermida García, mestre da escola de Cela
  • Eugenia Domínguez Fernández (14-1-1895/+12-5-1983), mestra da escola de Cela. Xa dende os 17 anos era profesora de párvulos e aínda que posuía o título de Mestra Nacional non podía exercer pola curta idade.
 Máis o que non pon a publicación anterior  era o nome doutros mestres de Bueu que foron depurados tamén e que algún estivo na cárcere e outros foron rehabilitados axiña. Neste listado de expedientados atopamos a:
  • Francisco Agulla Rodríguez, mestre de Cela. Foi encarcerado na illa de San Simón. Encausado no Tribunal de Responsabilidades Políticas de A Coruña e indultado no 1941.
  • Ramona Cabanillas Rodríguez, mestra de escola en Bueu. Depurada 1936-1942.
  • José Martínez Camiña, mestre de escola Ermelo. Depurado 1936-1942.
  • Guillermo Novío Cardexo, mestre de escola en Bueu. Depurado 1936-1942.
  • Lucio Rodríguez Infante, mestre de escola en Bueu. Depurado 1936-1942.


[1] Autor do blog “Pontevedra nos anos do medo” http://anosdomedo.blogspot.com.es/  e do libro  “Pontevedra nos anos do medo – Golpe militar e represión (1936-1939)” Edic. Xerais (xa vai pola 2ª  edición!)
[2] A páxina 10 de El Pueblo Gallego do 1 de setembro de 1936.