17/4/14

A finais do s. XIX, máis concretamente  no comezo da primavera do ano 1897, e dentro dun proceso movilizador por distintas provincias e pobos de España, os republicanos da Provincia de Pontevedra celebraron unha Asemblea na cal os representantes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Ponteareas, do Campo (Marín), Mondariz e Bueu asinan os seguintes acordos: 

  • Recoñecer como órgano na prensa á “La Unión Republicana” 
 
  • Considerar bos e necesarios todos os procedementos de loita para conseguir a máis pronta instauración da República.

O que asinou por Bueu foi Domingo A. Tomé
El Liberal 22-3-1897 páx.2

2/4/14

Beluso tivo dende hai moito tempo tradición de telleiras. Numerosas foron as persoas, sobre todo mulleres, que traballaron nas mesmas. O barro sacábano da mesma zona[1] e a area da mesma praia.
As que coñecemos estában situadas nos arredores da Praia de Area de Bon. A máis antiga situadas nas veigas proximas ao sur da praia, cerca do río Lixó, que aínda se coñecen hoxe como “Forno de Tella” (na fotografía zona A).
A outra, máis recente, na zona norte da praia ao carón do río Mourazo (na fotografía zona B) pertencía ao Sr. José Ramos Crespo (casado con Eugenia Portela Castro) que tiña unha tenda-ferretería na rúa do Príncipe de Bueu (preto da entrada ao concello). Con posterioridade a telleira continuouna un empleado da mesma, José do Castro, ata que a actividade foi mermando por mor da competencia da industria da tella, sobre todo, de  O Porriño, que a fixo desaparecer.

Na zona entre a praia de Beluso e a Roiba no que logo foi salga primeiro e logo fábrica de conservas (con marcas como Pedra Blanca, SF…) de Salvador Ferradás o mesmo Sr. Ramos comezou  facendo tellas e logo baldosas. Segundo me contan polas noites lle roubaban moitas. Logo dedicou as instalacións á industria “calera”[2]. Parece que este intento empresarial non lle foi moi ben e tivo que emigrar. O fixo cara Estados Unidos.


[1] Nas veigas e tomadas que hai dende o Río Mourazo e o Lixó.
[2] Reseñar que hai constancia de entrada de cal de Bueu no porto de Vigo como o que recolle El Lloyd español do 1 de xuño de 1862 na súa páxina 2 que cita a entrada o 22 de maio da “Polacra Victoria, con cal, de Bueu”. Tamén quero agradecer aos informadores Srs. Millán (pai e fillo)