29/12/13


Como é lóxico pensar non se trata de ningún dos concelleiros habidos no último século. Resaltar que durante este tempo accederon ao noso concello, de forma electa, persoas cada vez mellor preparadas.
Con todo o xornal A Unión Católica do 14/12/1889 na súa páxina 3 citando ao O Anunciador, de Pontevedra dá a noticia da existencia dun concelleiro de Bueu que, a parte de ser analfabeto, non paga os impostos a Facenda. Faio nos seguintes termos:

Di  El Anunciador, de Pontevedra, que en Bueu, hai un concelleiro que non sabe ler nin escribir, que asiste puntualmente ás sesións nos dous anos que é concelleiro e que non paga contribución algunha ao Estado, faltándolle aínda dous anos para cesar no seu cargo”.

23/12/13


Na lotería de Nadal do ano 1918 deixou un premio 5.000 pesetas en Beluso. O número agraciado con 25.000 pesetas foi o  8.791. Vendido na Administración de Loterías da rúa madrileña de Preciados.

Dous destes décimos lévaos abonado o Sr. Rogelio Val Barros, médico de Beluso. Tamén un décimo dese número o tiña abonado un de Cangas.
A noticia aparece na páx. 3 en El Día (“Diario de la noche”). Pero aínda máis relevante é o tratamento que lle da aos premios (un 50 % do xornal) mesturando a información coa política. Así vemos que comeza logo dos titulares: “Díxose moitas veces que España é unha nación ingobernable. Non o creades. Ese é un tópico que inventaron os políticos, esporeados pola mesquiña condición humana de achacar cada cal aos demais a culpa dos seus propios desacertos. España é o pobo máis dócil, máis condutible da terra. O que ocorre é que non se sabe conducir…”  e así segue con frases máis ou menos patrioteiras poñendo a “caldo” ata o que considera “lotería para ricos”.  Cando fala de cando saíu o Segundo Premio faino nos seguintes termos: “O número 53.084 foi agraciado con tres millóns que apenas saído do bombo declarouse autonomista, integral, sinalagmático e até bilateral e fóillenos a Barcelona.  - Non hai dereito! Isto é para contentar a Cambó!- óuvese dicir no público”.

01/12/13

Tal como recolle o xornal El Imparcial do 6 de decembro do 1929 páx. 8, o Xefe de Goberno, xeneral Miguel Primo de Rivera recibiu na casa da Presidencia, o xoves 5, de 7-9 ½ da noite, a acostumada audiencia diplomática.
O mesmo Primo de Rivera dou referencias das audiencias, ao remate destas,  a un grupo de xornalistas: embaixadores de Francia e de Inglaterra, ministro de Santo Domingo, encargado de negocios de Chile, etc. e entre unha poucas persoas máis atopamos ao Bueuense, Manuel Antonio Bares Giráldez que, en verbas atribuídas ao Presidente: “é unha das figuras españolas máis interesantes en América; de gran corazón e entendemento, pensa, traballa e sinte a pesar dos seus moitos anos, e non se declarou en folga contra a vida nacional nin contra a humanidade”.
Sirva  esta audiencia e gabanzas do personaxe, como algo a ter en conta na biografía deste escritor, xornalista, banqueiro, etc. de renome na Arxentina, seu país de acollida; e bastante descoñecido no seu pobo natal: Bueu.