21/11/13

Ante o 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia de xénero” que se conmemoran dende 1999 avalado pola ONU[1]  Quero aportar, a título de exemplo,  evidencias desta lacra no Bueu do pasado, que espero non ilustren o presente, e mostrar a valentía para afrontar o problema dalgunhas mulleres a pesar de vivir nunha sociedade machista. 

Para comezar a petición de divorcio (saída natural)  que a todo transo está disposta a enervar ante calquera Tribunal competente xa que non quere e “non pode por mais tempo vir soportando o maltrato frecuente que na súa casa recibe” por parte do seu marido, sogra e cuñada[2]. Esta decisión, sempre difícil, vese complicada polas datas da que estamos a falar (verán do 1868) e pola posición social da demandante (muller de salgadeiros con varios almacéns ou fábricas de salga en Marín, Bueu e Beluso).

Varias máis son as demandas de separación e divorcio e todas elas precedidas de execrables vivencias por parte das mulleres que as presentan. Tal é o caso tamén de Pilar X. X. que no novembro do 1885 acusa[3] ao seu marido Antonio Z.Z. “por ser público e notorio lle prodiga constantemente maltrato de obra e de palabra máis cruel a ameaza con frecuencia de privarlle da vida…”.  Describindo a continuación actos vandálicos por parte do seu marido que de non mediar outras persoas poderían haber acabado coa súa vida. Nos feitos denunciados expóñense ata máis de sete ocasións de maltrato e de perigo para a súa vida na que había testemuñas que impediron o fatal desenlace. E como non podía ser doutro xeito (xa que se da en case  todos os casos) o marido di “que sempre a tratou con consideración e cariño non habendo mediado máis diferenzas entre os dous que esas pasaxeiras e insignificantes que ocorren en todos os matrimonios e que deron marxe ao adaxio aquel ’que no hay casa mantenida que no sea reñida’ Polo tanto o expoñente non pode recoñecer na súa muller dereito algún para separarse del, posto que non existe motivo de ningunha clase para caso tan extremo e lonxe, diso chame neste momento á súa muller ao orde para que cese de promover actos desta natureza que teñen que redundar en prexuízo dela e tamén dos fillos… ”. 
Vaia elemento!

E, como un exemplo máis das múltiples casuísticas, dicir que se da o caso[4] de acusación ao seu marido por insultos e imputacións falsas de incesto. Chegado o  momento conciliatorio previo a entaboar querela criminal para a solicitude de divorcio ámbalas dúas partes recoñecen a súa culpa e provocacións. O que “ambas partes manifestan que se perdoan reciprocamente” facendo no mesmo acto, en documento[5] extraxudicial, o reparto equitativo dos seus bens[6].

Quero expresar a miña solidariedade con todas as mulleres que sofren violencia de calquera tipo!


[1] Xa que dende xullo de 1981 o 25 de novembro fora declarado día “Internacional contra a Violencia cara a muller” no 1º Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia).
[2] Destas últimas, a parte do maltrato, “ata o extremo de escasearlle o alimento e ter que mendigalo fora da casa
[3] Antes de interpoñer demanda de divorcio no Tribunal Eclesiástico da cidade de Santiago
[4] Como o ocorrido na parroquia de Cela nos primeiros días do ano 1911.
[5] Facéndoo por duplicado e levando cada un copia do mesmo.
[6] Tanto parafernais e outros da muller como da Sociedade conxugal

09/11/13



Aquí temos a portada do folleto que se repartiu para o Xantar da sociedade “Unidos del ayuntamiento de Bueu (nun principio  Hijos de Bueu en América”) . Dicir que o debuxo da portada do folleto que aparece na imaxe pertence ao publicista Federico Ribas, nese momento (1938) nomeado Presidente Honorífico da Sociedade.  Quero pór en valor as necesidades de manter, lonxe do “terruño” unha identidade de pobo, de festexar a festa do patrón para aproveitar a reunirse ó redor da mesa alomenos unha vez ao ano,  poñer mecanismos de axuda,…
Pero quen mellor definen os seus obxectivos son os Estatutos da Sociedade. Vexamos os primeiros artigos destes…
ESTATUTOS
Nome e obxecto da Sociedade
Artigo 1º.- Con domicilio en Bos Aires, Capital da República Arxentina, constitúese unha Institución que se denominase “Hijos de Bueu en América” prol fomento do progreso; fundada o día once de Novembro do ano mil novecentos vinte e tres, por iniciativa de trinta e tres fillos do Concello de Bueu, Provincia de Pontevedra (España).
Artigo 2º.- Un dos principais fins da Sociedade é fomentar o espírito de asociación e unión entre os fillos do Concello de Bueu, residentes en América.
Artigo 3º.- A Sociedade será instrutiva e recreativa e practicase a axuda mutua entre os seus asociados establecendo estes ou outros servizos que encadren dentro da cultura e bos costumes a medida que os seu recursos llo permitan. A Comisión Directiva encargarase de rexer estes servizos mediante Regulamentos especiais sancionados pola Asemblea.
Artigo 4º.- Subvencionar e instalar por conta da Sociedade, escolas de ensino primario, mesmo artes e oficios dentro do Municipio de Bueu, por iso proveraas dos libros necesarios adoptados polos Consellos Escolares das Repúblicas Hispano-Americanas, a fin de preparar alumnos que ao vir a estes continentes sexan útiles para si mesmos como igualmente ao país onde han de empregar as súas actividades.
Artigo 5º.- A Sociedade encargásese de protexer aos recentemente chegados ao país, que non conten con familia ou medio propios para iniciarse, procurando empregalos, socorréndoos en caso necesario con anticipos de pequenas cantidades para as súas máis urxentes necesidades coa obrigación expresa de devolver o anticipado á Sociedade axiña que como lles sexa posible; como garantía dos devanditos anticipos deberán presentar os seus documentos persoais que acrediten a súa boa conduta e ademais deberá ser presentado por dous socios que se fagan responsables das sumas que se lle entreguen.
Artigo 6º.- A Sociedade encargarase da repatriación dos socios que por enfermidade se visen obrigados por prescrición médica a regresar ao seu país natal, e non dispoñan dos medios necesario, facilitándolles a pasaxe e cincuenta pesos en efectivo, sempre que os fondos da Caixa social excedan dun mil pesos moeda nacional de curso legal.
Para ter dereito a estes beneficios requírese a antigüidade de dous anos de socio e estar ao día no pago das súas cotas.
Artigo 7º.- Organizaranse veladas científicas e literarias; festivais, excursións deportivas e todo canto a xuízo da C.D. poida servir de recreo aos socios e beneficie aos intereses da Sociedade, ben sexa moral ou materialmente.
………

01/11/13


Moita xente de Bueu sabe da afección e bo facer no campo da fotografía do conserveiro Attilio Gaggero. O que case todos descoñecíamos era que esta “paixón“ tamén a compartía o seu amigo Salvador Lago. E non o debía facer nada mal pois Salvador Lago Carballal, de 23 anos, fillo dos salgadeiros da praia de Beluso, Clemente Lago e Eduarda Carballal, aparece na páxina 22 do xornal ABC do 7 de novembro de 1921 como gañador do 2º premio nacional de fotografía convocado pola empresa estadounidense KODAK baixo o lema “Escenas del veraneo”.
A parte do premio, en efectivo de 500 pesetas (Unha cantidade moi importante neses anos e para que teñamos referencia comparativa dicir que supón o soldo de dous meses dun catedrático de universidade ou o soldo de máis de seis meses dun obreiro) a súa fotografía gañadora estivo exposta nunha galería, na Avda. do Conde de Peñalver en Madrid.
Da bágoa pensar que puidera perderse toda a súa obra fotográfica... Esperamos que no fora así e que algún día a poidamos ver...