14/10/13


En San Martiño de Bueu a catorce días do mes de outubro de 1845 celebrouse un acto ante o alcalde D. Manuel Guimeráns, por unha parte, o demandante, Joaquín Suarez, cura párroco de Ermelo e, como demandado, o seu fregués José Martínez. Os motivos da demanda: Non completar os funerais prescritos, “segundo a súa clase”, así como que tamén lle faltaban por aplicarlle as misas afeitas “polo ben da” alma da súa sogra que vivira na súa casa e había falecido facía seis meses. José Martínez negábase a pagar o importe de tales actos.
O cura lle pedía ao alcalde que lle impuxese pagar a contía de cincocentos cincuenta reais, importe das misas e dereitos,  xa que estaba “obrigado en conciencia”.
O José Martínez deféndese dicindo de xa que a súa sogra morreu sen “disposición algunha testamentaria” só obrígase a pagar 120 rs que se corresponderían co importe de sesenta misas.
Como resolución do Alcalde, e tras o ditame dos “homes bos” de ambas partes en litixio, “providénciase” que o demandado pague antes de seis días o “total do importe dos dereitos funerarios, segundo estea en costume na súa parroquia, e das misas que deben aplicarse polo ben da alma da súa defunta sogra igual en esta á que se executara coa do marido da mesma...”.

Parece ser que o demandado seguiu nas súas... 
Descoñecemos se ao final  a sogra, o cura e o fregués díscolo descansaron “en paz”.

12/10/13

Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 




[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

03/10/13


Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), o grande paisaxísta romántico e debuxante, nunha viaxe en barco pola banda sur da ría de Pontevedra no setembro do ano 1849 na compaña dun grupo de amig@s plasmou  nun debuxo a lápiz titulado “Playa de Bueu”, hoxe no Museo de Pontevedra, unha escena que o mesmo autor da obra describe nunhas inscricións autógrafas no ángulo inferior, central e dereito do debuxo:
         “Bueu. Ría de Pontevedra  
          cerca de Marín
         “Playa de Bueu: en el acto de recoger el pescado
          Salida del bote cargado
          colocar y recoger el aparejo y aparejo a tierra.
                         Ría de Pontevedra
                    18 Sbre. 49
A continuación realiza unha serie de acotacións toponímicas, paisaxísticas, ambientais,…dende o monte Sobareiro (Loira) ata Cela:
da Cova – Luz – Moza – bosque -10 – tono azulado – árboles bosque – Cela – blanca curva norte
O salientábel deste debuxo é que reflicte unha escena de pesca na que poden observarse a uns dezaoito mariñeiros tocados coa “barretina” típica do traxe catalán de mariñeiros e campesiños.
Pero o que moitos descoñecen ou lembran é que no reverso hai unhas incrición dos seus acompañantes e amigos, feitas ao pouco de debuxalo:…
 En Bueu 18 de Septiembre 1849
Recuerdo amistoso al Pintor de S.M. Dn. Genaro Perez de Villamil.
Amalia Fontenla[1]
Recuerdo al Sr Villaamil la satisfación de tenerlo en la casa en Bueu su affmº. Juan Fontenla
Luís Patiño Buceta
ruega al Sr. Villamil recuerde la chillona gabiota que tumbó el arcabucero
dn. Luís Patiño, su apasionado
“Al recuerdo del animado cuadro que hoy ofrece Bueu hirá siempre unida pª. mi la grata memoria del Sr, Villamil, del artista eminente. 
            Antº Valcárcel”
“Recuerda al ayudante, tu amigo 
            Perfecto Valdés Argüelles”
“Enrique A. Braña”
“Francisco Sancho Gutiérrez”
“Jacinto Pazo (?)
 A man do artista tamén plasmou a Bueu noutro debuxo tal como nos lembra o profesor Filgueira Valverde: “Pérez Villamil tamén fixo un debuxo da “Fábrica de Salazón en Bueu” cun alprende e traballadores” que está nunha colección particular.

[1] Amalia Fontenla Plá (+15-5-1896), filla de Teresa Plá Avalle e José Manuel Fontenla Sotelo. Neta dos salgadeiros da praia de Beluso, Pedro Plá Refulls e Mª Rosa Avalle Pereira.