20/5/13

Enterado de que o Club Deportivo Bueu certificou onte o seu ascenso de categoría (regresa á Segunda Autonómica) e aínda que “por defecto” eu non son "futboleiro" si me alegro por un Club con 86 anos de historia e polo pobo que lle da nome.
 Coma homenaxe pola miña banda achegar a información aparecida na revista Vida Gallega nº 385 do ano 1928.
Como pode verse nela aparece o equipo do Bueu C.F. nun partido de entrenamento, Lolita Pais vestida de cupletista nunha función a beneficio do club e unha fotografía co equipo de gala coa alineación na lenda. Todo un luxo para a época e toda unha profusión gráfica!
Felicitacións aos xogadores, equipo técnico e directivo!



Lola Pais no cuplé “Julián” na función a beneficio do Bueu F.C

9/5/13

Ao longos dos anos escoitei falar a illeiros rapaces, e non tan rapaces, de fenómenos estraños relacionados con luces que se movían na contorna de Illa de Ons que habían visto  tanto dende terra como dende embarcacións. E case sempre acababan desaparecendo no mar. Os interlocutores sempre o relacionaban co fenómeno OVNI. Dicir que os xornais, revistas e ata algún programa de TV1 daban nesa época pulo a estes fenómenos.

Pero as noticias sobre fenómenos estraños no ceo de Ons remóntanse no tempo aínda que non sempre se relacionaron coa ufoloxía. Ese é o caso saído en “El Compostelano”, no 1930, citando ao correspondente do “Faro de Vigo”  que indicaba que os veciños do Ons lle habían manifestado o seu desacougo pola presenza dun avión cada catro ou cinco noites dende hai un mes.

“... aparece no horizonte, a gran altura, un potente reflector que se achega rapidamente a terra, procedente do mar, rumbo de Oeste a Leste.
Cando o aparello chega, sempre voando alto, ás proximidades de Ons, o reflector apágase.
Durante uns minutos vibra no aire o tremer do motor ou motores do “velívolo”; pero a altura en que este navega no espazo faio invisible para os habitantes da illa.
A persistencia e a periodicidade nas súas visitas do aparello aéreo ten en tensión os nervios dos veciños de Ons, que non saben a que atribuír a presenza do avión que elixe as noites para os seus voos e que se rodea de misterio para achegarse á desembocadura das rías de Vigo e Marín.”

... e nestes tempos ata aparecen vídeos por internet como este no que se pode observar a caída dun suposto OVNI preto da illa de Ons.
Poderíamos rematar coa adaptación ao tema da ambigua, antitética e popular frase de “Eu non creo nos Ovnis, máis habelos, hainos

------------
1
.- Era a época na que “especialistas” como, por por un exemplo significativo,  Fernando Jiménez del Oso divulgaban os enigmas ao través de programas de TV como “Más allá”, “La puerta del misterio”, etc. Ou publicacións periódicas como “Más allá de la Ciencia”, “Universo Oculto”,...  Persoas coma el, que utilizaron a proxección mediática dos medios de comunicación e as súas dotes de comunicación e divulgación para “colarnos” algunhas noticias e feitos de dubidosa factura científica.
 

1/5/13

O xornal El Español do 10 de maio de 1837, na súa páxina 2, danos a noticia de que uns días antes, 22 de abril, avistándose un grupo de xente armada no monte de Borrallido, o alcalde pedáneo con dez ou doce veciños “honrados”, atacáronos armados con fouciñas e unha soa arma de fogo. E aínda que algún sufriu na defensa obrigáronos a fuxir.  Na fuxida abandonaron dúas fusiles, dous paquetes de cartuchos, unha machada e outros efectos de pouco valor.

Logo os alcaldes de Bueu e Cangas fixeron, cos veciños repectivos, unha batida que non dou resultado algún.

Pénsase que Borrallído sería punto de reunión da banda para facer algún roubo.
A noticia remata dicindo que se tomaron medidas para evitar os roubos …