21/03/13

  • Estaba no  mapa dos pobos “preciosos”  de España. So facía falta que no seu momento se houbera posto en valor o que ía aparecendo ou se coñecía.
  • Que as estradas que sacaron do illamento ao Morrazo foran ríos apousados de persoas ávidas da beleza e da cultura.
Todo quédase  escuro … comezaron a camiñar e… nada máis baixar por Xoalde sorprendeulles as vistas dos areais dunares de Portomaior e Agrelo cun pano de fondo das illas de Tambo, Ons e Sálvora. Tentados pola natureza virxe fixeron a súa primeira parada para sentir nas propias carnes o masaxeante pracer da area ou simplemente para contemplar a escasos metros os areais sucados por pequenos ríos que dende os montes de Cela se achegan a “morrer no mar”. Pero seguen o camiño cara Bueu e sen perder de vista o mar, pois non hai nada que llo impida, ven a estrutura, agora reformada en Casa Rural, da salgadeira de Fazzina. Tras un pequeno paseo polo cantil en volta aparece unha enseada que amosa a terra con máis dun quilómetro de praia bicada polo mar e bordeada por arranxadas casas mariñeiras.
Na baixada a Pescadoira comeza a entrada nun mundo de soño de mar e praia. Segundo o “libro guía” que todos levan: á dereita está a salgadeira de Francisco Rúa hoxe convertida nunha pequena e coqueta casa-museo cunha ampla sala que serve de entrada e de exposición con paneis explicativos de todo o proceso da salga comezando polo método tradicional galego de "moura" ou “escochado”. No primeiro andar a recreación da casa-fábrica coa lareira e todos os útiles da vivenda. Na parte de atrás, no patio da casa a salga de fusos colgantes tal e como foi construida no seu momento. Dende aquí podería accederse á primeira salgadeira dun “patriano”: A salgadeira de Vicente Freire (1806) situada na coñecida Casa de Pin Cabanillas. Salga de fusos ancorados no chan. A casa convertida en casa rural para unha familia con estancias museables como casa nobre.
Dende unha das ventás, nun abrir e pechar de ollos dáse conta de que é ao comezo desa praia onde atópase coa contorna do mundo romano dos primeiros séculos da era Cristiá. Ao carón norte iniciase uns muros que de forma case paralela ao mar ten continuidade co complexo romano no que pode apreciarse: unha pequena vila romana, casa con tres habitacións, forno ou olaría, salgadeira,… exposición con pedras de prensado, muíños de man, moedas, … e centos e centos de fragmentos de cerámicas, cristais, etc. atopados no berce da terra e postos en valor. Parecese transportado a un mundo único onde as pezas dan mostra de singularidade son únicas no finis terrae peninsular: coitelo con mango, tapón cerámico con rosca,…  
Alguén con roupa estraña lle di que pouco máis de cen metros cara o centro urbano podería contemplarse outra olaría con exposición de ánforas de distintas tipoloxías, algunha delas que poderíamos chamar “tipo Bueu”. Con só pensalo xa se atopaba na olaría. Na parcela do lado un conxunto de paneis onde se visualizaba a entrada de pobos xermánicos, o asentamento xeográfico na costa galega do pobo suevo, e dun grande panel da fibela aurea do s. V atopada uns anos antes no lugar. Aínda se ven, protexidas, as lousa de perpiaño e nichos do pequeño cemiterio suevo…
Non da crédito a tanta cousa e tanta beleza… e iso que acaba de entrar no pobo… Vai pasando as páxinas da Guía como se fora unha baralla de naipes e na súa retina lle van quedando imaxes mesturadas con frases….
Illa de Ons: Para gozar do pracer da paisaxe insular, das súas praias, gastronomía … coa visita cultural á súa salgadeira e mosaico romano,... aos seus castros, petroglifos, laxe do Crego,…
Cela … románica… do campo … e Ermelo co seu mosteiro…. Igrexa de Bueu… pequenas capelas que a desfeita dos tempos (1104 e 1865) desvirtuaron os seus modestos inicios.
…dende a Praia pódese ir camiñando cara o sur seguindo o curso do río ata o lugar coñecido como Paraiso que onde o Abade/Canudo se xuntan co Portela para darlle nome de Bispo… chegamos a Meiro onde podemos ver o peto de San Antonio de Meiro … polos restos da Vía Per loca Marítima (camiño Real ou Brea) ….  aos muíños do alto do Canudo e facer a baixada …
 
Pero que pasa?… a Guía de Bueu comeza a desaparecerlle das mans. A beleza das casas mariñeiras comeza a elevarse e desfigurarse,... o mar e a praia comenzan a afastarse e ata desaparecer… Un pesadelo fai que o que mira apenas teña identidade co seu pasado, que as súas xentes tampouco se identifiquen con este, que a uniformidade faga medrar as vivendas… que a Praia non sexa o eixo, que… que…
A dor e tan grande que esperto e atópome con Bueu … ese Bueu que cada ano mudou con estilos que non identifican… un Bueu onde a sinal fabril dou paso a “outras cousas”… Nin mellor nin peor. É outro  Bueu que nos volve facer ensoñar e engaiolar cando miramos cara o mar e o seu horizonte…  cando tratamos cás súas xentes… ou cando coñecemos e respectamos o seu pasado

18/03/13

Na prensa madrileña sae a noticia de que Bueu, con outros 6 concellos da provincia, percibe un 300 % de aumento nas aportacións do estado.
Claro que isto ocorre de forma puntual no ano 1882. Como estaría a cousa que ata haiprovincias tan castigadas, que solicitan do goberno como un favor o de ser equiparadas ás de Galicia”.
Alomenos expresar o desexo de que esta suba nas aportacións do estado se volvera a repetir pois…tal e como están agora as arcas do estado… recorte e máis recortes… din que non hai “un peso” (outros un “can”). Sexa o que sexa todos “os do común” o estamos a notar e tamén as institucións soportes do noso benestar: sanidade, educación, concello,… Os que levan as rendas municipais ven como se incrementan as cargas e como ao tempo decrecen os ingresos…
O que máis me sorprende é que a culpa a teñen o “ladrillo” ou “burbulla inmobiliaria”, os “mercados”,  ataques ao “euro”… e así ata máis dunha ducia de obxectos materiais ou conceptos inmateriais.
Pero os culpables, que están fóra e dentro do país,  teñen nome e apelido. Seus nomes deberían causar arrepío e repudio en calquera lugar da Terra no que se atoparan… e, por seguir desexando… normas universais de forzado cumprimento que puxeran freo á miseria e desigualdade,  poñendo lindes ás súas  riquezas… e …. e …

Outras 300%….
  • … e hai quen pretendía gañar un 300%  se a nosa economía afundíase máis e tiña que pedir o rescate a Europa. Así o fixeron compañías especuladoras comprando seguros de impago de crédito ou Credit Default Swaps (CDS) e logo “intoxicando”…
  • A deuda española supera o 300% do PIB (uns din o 368% outros 268%) o que fai que sexamos o terceiro país máis endeudado do mundo. Pero se alguén se quere consolar que consulte o informe Funcas (Fundación de las Cajas de Ahorro) que desmitifica estes datos…
  • España sancionada pola Comisión Europea por excederse nun 300% na pesca da cabala no 2009…
  • As multinacionais aceleran as súas desinversións en empresas españolas. Relevante é que a desinversión vía ETVE -especie de sociedades holding por motivos fiscales- incrementouse uns 300%, mentras que a desinversión en actividades productivas (non ETVE) disminúe un 26,5%.
  • Se sumamos o desemprego máis a inflación daranos o que se coñece coma “Índice de miseria”. Neste índice de miseria superamos un 300% aos Estados Unidos...
  • Paro aquí  pois as bágoas tamén subiron máis dun 300% con respecto ao ano anterior…

01/03/13

Fixo onte 109 anos que saía á luz pública a primeira información de achados arqueolóxicos  na praia de Pescadoira en Bueu. Aparecía esta nun xornal con só catorce días de vida “LA VOZ DE BUEU” no seu número tres de 1904.  Máis o achado habíase producido facía uns 70 anos  (no 1834) e estaba descrito nun segundo artigo titulado “De Bueu” nos seguintes termos:
Haberá como uos setenta anos, edificouse nesta rúa da Praia unha casiña de cortas dimensións para establecer unha panadería. Ao abrirse os cimentos, atopouse un muro de pedra, como de perpiaño, dunhas cinco ou seis varas de largo, por dúas de alto cunha pequena ventá de curtas dimensións, e ao seu pé unha porción de residuos de carbón de pedra. Dita casiña, despois de servir ao seu dono, pasou ao dominio doutro, quen edificou nela unha fábrica de salgadeira, transformada hoxe en conserva, e, ao ensanchar os seus cimentos descubrieronse barreños, fontes, pratos e tazas de barro vermello, dando a entender este achado, que alí houbo anteriormente habitantes a quen o mar debeu cubrir na súa violenta invasión. Varios capitáns e buques e ainda simples mariñeiros sondearon os espazos que median entre a illa de Sálvora, Ons, Cies e a punta de Baiona e afirmaron que existía unha restinga de bastante elevación para sospeitar que as ditas illas estiveron unidas en antigos tempos, …
Todo isto quedou na memoria de algúns pero o tempo encargouse de borralo e non sería ata case trinta anos máis tarde cando a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e, sobre todo, persoas inquedas como Álvarez  Limeses, Xurxo Lorenzo, Álvaro das Casas, C. Sampedro, García Alén, Filgueira Valverde... e os bueuense Gaspar Massó, Jorge Santos, Enrique Massó, etc. os que comezaron a dar a coñecer o noso patrimonio máis antigo.