25/01/13

Fixo hoxe 163 anos (un 24 de xaneiro de 1850) compadeceu ante o alcalde de Bueu Licenciado Juan Lovera por unha parte e doutras Antonio Cerviño veciño de Sta María de Augas Santas (con Francisco de la Rúa como home bo) demandandolle a D. Joaquín González cura de San Martiño de Bueu. O motivo e que lle había contratado unha obra, sen plano e prego de condicións nin escritura. Logo de facerlle todo o que a pe de obra lle mandaba o cura e, por culpa disto, este excedeuse no axustado nun principio pídese que se tase e se lle abone o que supera a cantidade de 800 reais que xa ten recibido. Enterado o cura desta demanda dise sorprendido pola reclamación e descaro con que o Sr. Cerviño presenta esta por injusta e sen fundamento.
As obras eran: as feitas no atrio da Igrexa e ademáis unha escala circular na nova porta aberta así como colocar os asentos ata onde alcanzasen as pedras dos antigos asentos.

21/01/13

Alégrome de que os medios de comunicación e representantes municipais se fagan eco de noticias acaecidas no tempo e que implican recoñecemento a persoas que co seu traballo facilitaron a vida doutras moitas. Tamén me alegro de que unha desas persoas sexa a mandadeira María Mundín... En este blog tíña reservado no apartado “Bueu consegue medallas” que saíu no mes de agosto do pasado ano un espazo para María Mundín pero decidiu deixalo para o mes de abril deste ano, data do aniversario... e agora cítase para reforzar a estela informativa .
Non vou reproducir o texto preparado daquela xa que nestes días poden lerse no Faro de Vigo e Diario de Pontevedra amplos e moi bos reportaxes.
Confesar que descoñecía a noticia do Faro de Vigo de 05-04-932 xa que a información que manexei sobre este acto dende 1981, viña da revista “Vida Gallega” de 20-04-1932. Mencionar o erro no apelido de María Múndín xa que a nomean como “María Molina”. Sinalar tamén que, a parte da relación citada na prensa, encabezada polo alcalde Jesús Prieto, poden verse a mestra de Beluso Carmen Pastoriza, a Manuel Ventura,...
Noraboa aos seus familiares!
Transcrición do texto da lenda para lelo mellor: "Bueu.-Entrega de la Medalla del Trabajo a la anciana María Molina (¿?), que actuó 53 años de recadera entre Bueu y Vigo, cruzando la bahía cerca de doce mil veces. Foto Pacheco.-" en "Vida Gallega" 20-04-1932

Aurora Pazos Garrido e a súa nora
Se María “a Mondina”, e logo a súa filla Rosa, ían cos seus mandados cara a Vigo tamén facía ese mesmo percorrido (mércores e sábados) Dolores Currás “a Currasa”. Na memoria de moitos tamén está Aurora Pazos Garrido "A Fenta" de Loureiro que ía andando a Pontevedra para facer os encargos ata os anos cincuenta do século pasado. Logo, tamén ao longo de moitos anos fixo, no coche do "Pico", encomendas cara Pontevedra, Victoria Pereira Agulla coñecida cariñosamente como Victoria “a Torera”. O seu labor era recoñecido por veciños e por comerciantes da ruta a Pontevedra e ata polos empregados de institucións bancarias (xa que facía de transporte de documentación e ata de cartos). Pero de todas as mandadeiras coñecidas a máis antiga documentada é Mª Cira Otero Vázquez que ía a Pontevedra ata pouco antes de 1920..

01/01/13

José Benito Arís Limeses, de Pontevedra, casou a finais de agosto de 1810 con Benita Juncal Piñeiro que era unha dos 5 fillos do escribán bueuense Pascual de Juncal Riobó.
Vivíron na casa que hai de carón da fermosa fonte e lavadoiro da Lajarteira en Vilariño-Meiro onde comezou a exercer de escribán[1] (eu diría de zurupeto[2]) coa protección do seu sogro Pascual. Un lustro máis tarde presentouse unha "Solicitude de José Benito Aris, veciño da freguesía de San Martín de Bueu (Pontevedra), sobre que se lle expida Notaría de Reinos a título de fiat, con residencia na vila de Cangas (Pontevedra)" (tal como podemos ver no Arquivo Histórico Nacional, dentro da unidade  Escribanía de cámara de Carranza, no Consejo de Castilla. Sinatura ou Código de referencia : CONSEJOS,32171,Exp.51)  
Dita solicitude foi resolta positivamente pois exerceu como notario oficial dende 1816 ata 1853.


Nota: Para ver relación de escribáns de Bueu e Cangas, premer aquí.


[1] Tal como o define a Real Académia Galega: ”Empregado público que estaba antigamente encargado de escribir documentos legais e actas dos procesos xudiciais”. Sinónimo de copista, notario, secretario.
[2]  Intruso na profesión notarial.