23/01/12

Rúa Víctor Said Armesto

        “Sombras de infancia en señorío
         flotaban nos aires da memoria
        ata desdebuxarse, hoxe, en vergoña

        dun Víctor recuperado da historia.

Parece ser que xa chegou o ano onde Bueu pon en valor a persoas relevantes coma Said Armesto, José Mª Estévez, Staffan Mörling, Solla, O Ferrolán,…  nomeando unha rúa co seu nome.

Mais , coma punto e seguido da entrada anterior dedicada a Said Armesto, quero reproducir a última páxina de O Candil nº 8  (ano 1996) onde Johan Carballeira  e J. Pesqueira, en El Pueblo Gallego (1929 e 1934), manifestaron os seus desexos de recoñecemento deste ilústre paisano nos seguintes termos:
Victor Said Armesto é un home difícilmente esquecible. Xa noutra ocasión falamos do que hoxe volvemos a tratar. Que se lle dea o nome do eximio escritor a unha rúa desta vila.
Non imos aquí a discutir, nin interesa, se naceu en Bueu ou non o eminente polígrafo. Sabemos si, de certo, que viviu moito tempo neste pobo, onde case ninguén -sobranme os dedos dunha man para contalos- coñece conscientemente a valía e a obra deste malogrado literato que con Johan Viqueira, constitúe un plano no renacemento da cultura galega.
Desde onde escribo esta nota, diviso a casa onde habitou este esgrevio home, que apurou as horas na cruz do pensamento. Que viviu belamente a máis admirable das vidas; para a beleza e a verdade, dúas noivas ás cales a maioría dos mortais se prostitúen ou non entenden.
Vexo o pazo dos seus antergos e penso amargado no anónimo do seu xenio aquí. O que se di un forasteiro na súa patria... ¿Qué importa que Said Armesto escribira da arte e filosofía marabillosamente se para moitos señores que andan de gravata e presumen de “kultos” todo iso é fume de pallas ou gañas de toca-lo violín?. Así, a súa lembranza aquí é algo nebuloso e remotamente lonxano. E iso que ata agora Bueu non tivo no seu seo unha mentalidade tan recia e orixinal como a do autor de “Los Orígenes del Don Juan”...
En Pontevedra non sabemos se alguén se preocupou de que o nome de Said Armesto se mostrase á vista do pobo no corazón da cidade
(Descoñecía Carballeira que desde o ano 1923 o antigo camiño de San Roque ás Corbaceiras chámase rúa de Víctor Said Armesto). Pero aquí compre facelo para non pasar por analfabetos. Tal vez estas liñas se perdan no beocio ambiente. Pero quizais alguén comprenda todo o formidable valor daquel que coa ferramenta-pluma tanto fixo pola cultura de Galicia.”
 
 “Repetidas veces fixemos chamadas ó Concello de Bueu, pedindo para Víctor Said o romántico recordo de que unha das súas rúas levaran o seu nome. Este nome que ademais de ser un valor “per se”, sería para un Concello un canon e unha medida.”


 Comezo da Acta da Sesión  Extraordinaria do Concello de Bueu do día 21 de marzo de 1936 baixo a presidencia do Sr. Alcalde D. José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira) propónse, entre outras cuestións, a seguinte:”Que se varien os nomes de determinadas rúas e a tal efecto a de ... denominarase de Víctor Said Armesto,...

Nota: Felicito aos representantes municipais polas propostas de nomeamento de nomes de rúas  non so por razóns intelectuais senón tamén de corazón e de xustiza.

Ningún comentario: